Por E.P. | A CORUÑA | 29/07/2020 | Actualizada ás 17:00
A Xunta de Goberno Local da Coruña aprobou este mércores o proxecto do Plan Especial de Labañou PE M18, promovido pola Asociación de Propietarios As Percebeiras, e que inclúe 150 pisos para vivendas de protección oficial.
O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, explicou que este desenvolvemento urbanístico aumentará o parque de vivenda pública na cidade e impulsará un espazo verde de 14.000 metros cadrados para uso dos veciños do barrio.
Un 40% das vivendas previstas no polígono, situado entre o Paseo Marítimo e a avenida de Labañou, destinaranse a vivendas de protección oficial. O plan tamén prevé construír un aparcadoiro público cun total de 358 prazas, que servirá para paliar o déficit de prazas no barrio.
Así mesmo, a Xunta de Goberno Local tamén lle deu luz verde ao proxecto de reparación da ponte da avenida da Universidade sobre a avenida García Sabell, cun orzamento de 884.013 euros, e foi informada da resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade de Galicia, TACGal, que estimou o recurso presentado pola UTE Valoriza Servizos Ambientais e Arias Infraestruturas SA contra a adxudicación do contrato do Servizo de conterización, recollida e transporte de residuos urbanos da Coruña. O Concello debe anular o procedemento en que se excluíu a súa oferta.
Do mesmo xeito, tamén se tomou coñecemento da resolución do Tribunal en relación ao recurso presentado pola UTE Copasa-Geseco-Setect Building, que obriga ao concello a retrotraer o expediente á fase de valoración das propostas.
Así mesmo, autorizouse a suspensión de contratos da xestión de servizos e cesamento da prestación de servizo público das Escolas Infantís Municipais do 21 ao 31 de xullo. A prestación contractual reiniciarase o 1 de agosto para realizar tarefas de matrícula de novos usuarios e a preparación das instalacións para o inicio do novo curso escolar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.