Por Xosé Glez. | Vigo | 07/08/2020
Alberto Vilanova fai un exhaustivo inventario dunha contiosa nómina de galegos que desenvolveron actividades salientables desde que puxeron pé no continente americano no século XVI. Ningún personaxe que fose memorable nin acontecemento cultural con acento galego quedou fóra desta monumental obra que fun lendo e relendo desde que chegou ás miñas mans.
Nas primeiras páxina do tomo II atopara a biografía dun personaxe engaiolante que me chamou a atención sempre, Ramón Verea García, un estradense nado na freguesía de Curantes en decembro de 1833 e falecido en Buenos Aires en 1899. Foi escritor de ideas progresistas. O seu cadáver foi levado a ombros por militantes do Partido Socialista da Argentina no que militara. Verea non foi un ninguén da canella. Foi o inventor de moitos inxenios, sendo un deles a calculadora que facía as catro principais operacións da aritmética, a diferenza das anteriores inventivas que só sumaban e restaban. A máquina de Verea tamén multiplicaba e dividía. Velaí a notoriedade do seu invento e a transcendencia que tivo no desenvolvemento das ciencias.
O aparello inventado por Verea, dínos Alberto Vilanova, “ten catorce pulgadas de longo por doce de ancho e oito de alto, e pesaba cincuenta libras e toda ella está fabricada de ferro, aceiro e metal amarelo”.
O invento de Ramón Verea é de 1865. Nun medio de comunicación da época dixo que con tal invento non quixo facerse rico, porque os seus móbiles foran: 1) un pouco de amor propio; 2) moito de amor nacional --o desexo de probar que en xenio inventivo un español pode deixar atrás ás eminencias das nacións máis cultas--; 3) o afán innato de contribuir con algo ao adianto das ciencias; e 4) e derradeiro, unha maneira de pasar o tempo conforme cos seus gustos e inclinacións.
A máquina fora premiada coa medalla de ouro na Exposición celebrada en Matanzas por aquel tempo.
Pasados os anos, falando un día co meu amigo xa falecido, o mestre Olimpio Arca Caldas de quen coñecía o seu interese pola historia, reteino a facer a biografía de Ramón Verea. Eu encargaríame de poñerme en contacto coa multinacional IBM que custodia na súa sede central de Tampa (Florida) a máquina de Verea para expoñela nun acto de galeguismo empresarial programado polo Foro E. Peinador na vila da Estrada o ano 2009. No tempo previsto o Foro E. Peinador editou o seu libro “Ramón Verea. Inventor estradense”, e erixíulle un monumento cos patrocinios do Concello e Secretaría Xeral de Política Lingüística.
No prólogo que escribín para o libro dicía que moi poucos galegos saben que Galicia tivo científicos e empresarios que uniron o coñecementgo e a xestión para crearen industrias decisivas para o benestar dos galegos e da humanidade. Sen o invento de Verea non se poderían resolver cálculos matemáticos complicados con prontitude; sen a aportación do matemático Vicente Vázquez Queipo, natural de Samos, autor das táboas de logaritmos, non se entendería moi ben o desenvolvemento das ecuacións aritméticas; Isidro Parga Pondal, un dos mellores e reputados xeólogos, elaborou o primeiro mapa minerolóxico de Galicia; sen a intervención decisiva de Ramón Obella Vidal non se crearían os Laboratorios Zeltia, posteriormente xestionados polo empresario galeguista Antonio Fernández López, e non se terían producido fármacos de grande utilidade para atallar doenzas en humanos, no gando, e antídotos para combater os andazos no agro. Produtos dos que se beneficiou a humanidade; Antón Beiras, médico e investigador, resolveu o problema do estravismo co seu Vigoscopio, explicando en lingua galega en foros científicos alén das nosas fronteiras, as cualidades do seu instrumento para curar o ollo birollo en todos os confíns do mundo. Na actualidade temos científicos de gran proxección internacional traballando na elaboración de vacinas, como é o caso de Carme Pampín, ou deseñando artiluxios aeroespaciais con finalidades científicas como fai a Universidade de Vigo.
Mágoa que nas escolas e centros de ensino non se divulguen biografías de científicos galegos para crear na sociedade galega o orgullo de pertenceren a un pobo que ten aportado á ciencia solucións para o benestar da humanidade. O complexo de inferioridade tan interiorizado polos galegos é de tal natureza que pensan que os grandes avances científicos e tecnolóxicos veñen de fóra, e que nós o único que producimos é literatura.