Investigadores da UDC descobren un tipo de estrelas que poderían explicar o xurdimento da Terra

Xunto ao Instituto de Astrofísica de Canarias, descubriron un novo tipo de estrelas moi ricas en fósforo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/08/2020 | Actualizada ás 11:43

Comparte esta noticia

A revista Nature Communications publicou un artigo científico de investigadores do CITIC da UDC e do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC) sobre o descubrimento dun novo tipo de estrelas moi ricas en fósforo que podería axudar a explicar a orixe deste elemento químico na nosa galaxia e a súa posible relación co xurdimento da vida na Terra.

A chvuia de estrelas ou bágoas de San Lourenzo ten lugar a comezos de agosto
A chvuia de estrelas ou bágoas de San Lourenzo ten lugar a comezos de agosto

O fósforo é, xunto con outros catro elementos –carbono, nitróxeno, osíxeno e xofre-, fundamental para o desenvolvemento dos seres vivos do noso planeta, xa que forma parte das moléculas do ADN, e tamén é un elemento imprescindible no intercambio enerxético nas células.

O descubrimento, realizado por un equipo multidisciplinar formado pola astrofísica Minia  Manteiga e os enxeñeiros informáticos Carlos Dafonte e Raúl Santoveña do CITIC da UDC e por investigadores do Instituto de Astrofísica de Canarias, podería dar resposta ao que ata o momento foi un enigma para a comunidade científica internacional.

O estudo publicado abre unha nova vía para a síntese de fósforo en estrelas, e propón que probablemente o fósforo que mediron proveña da contaminación ocorrida na nube onde se formaron as estrelas que descubriron cando unha xeración anterior de estrelas, moi masivas e de natureza descoñecida, finalizaron a súa vida como astros radiantes.

“A contaminación da nube protoestelar debeu de ser un fenómeno local e tamén relativamente raro xa que estamos a detectar un número pequeno deste tipo de estrelas. Aínda así, podemos especular que poderían contribuír de maneira apreciable á evolución química da Galaxia e por tanto a producir o fósforo contido no Sistema Solar e na Terra. Isto pode significar que estas estrelas foron decisivas no desenvolvemento da vida na Vía Láctea”, concluiu a astrofísica galega, Minia Manteiga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta