Por Galicia Confidencial | Ourense | 05/08/2020 | Actualizada ás 13:45
ADEGA vén de instar ao Ministerio Fiscal a que abra a oportuna investigación contra a entidade pública empresarial ADIF por presunto delito contra os recursos naturais e o medio ambiente.
Así, a entidade ecoloxista solicita á Fiscalía de Medio Ambiente que determine se existe delito ambiental nos feitos transcorridos o pasado día 2 de agosto, cando aparentemente operarios da administradora de infraestruturas ferroviarias empurraron ladeira abaixo e sobre a bacía do río Sil dous dos vagóns do tren de mercadorías que descarrilou o pasado 28 de xullo na liña Monforte-Ponferrada, á altura de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras).
Os ecoloxistas din que hai imaxes --xa publicadas por GC-- nas que se ve coma un dos vagóns descarrilados "semella ser empurrado ladeira abaixo por unha máquina escavadora acabando este deitado literalmente sobre o leito do Sil, mentres que outro vagón aparece xa emborcado e suspendido na ladeira".
"Desde ADEGA destacamos que os feitos denunciados contraveñen todo marco normativo vixente en materia ambiental, de residuos, ou de planificación hidrolóxica e de protección de augas, pois o depósito de refugallos sobre os leitos fluviais, a contaminación dos ríos ou actuacións que impliquen a súa degradación están totalmente prohibidas", apunta nun comunicado.
Ademais, lembra que calquera actuación en dominio público hidráulico debe contar con autorización previa do organismo de bacía e doutros organismos con competencias no espazo, especialmente, tratándose de actuacións de elevado risco para a seguridade das persoas e do medio ambiente ou con impactos potencialmente graves sobre os ecosistemas acuáticos e fluviais. "Porén, semella que a empresa pública se saltou todo marco regulador e procedemento administrativo legal para proceder “polas bravas”, de xeito improvisado e sen medir as consecuencias sobre a contorna", engade.
CONSECUENCIAS
Adega destaca que o depósito e emborcado do vagón sobre o leito do río Sil podería ter producido impactos ambientais importantes e de diversa índole. Así, indica que a infraestrutura de grande tonelaxe vertida ao río está composta por metais de diverso tipo e, incluso podería conter materiais ou substancias que son moi perigosas para o ecosistema acuático, como é o amianto.
"Ademais de converterse nun elemento que altera a morfoloxía do leito e a dinámica natural do río, podería constituír un elevado risco para a seguridade das persoas e das infraestruturas que se atopen río abaixo", apunta. Tamén suliña que o propio impacto da máquina contra a ladeira e o fondo do río non só terían enlodado as augas, senón que podería ter esnaquizado parte do comboio en grandes e pequenas pezas que acabarán no fondo do río ou que, coa forza da auga, poderán discorrer río abaixo, arrastrando os sedimentos e con consecuencias impredicíbeis.
Ademais, aínda que o vagón non levase carga, tal e como afirma ADIF, os aceites, hidrocarburos e líquidos lubricantes empregados nas engrenaxes e rodamentos da máquina poden contaminar as augas fluviais, afectando á fauna e flora da contorna e, mesmo, poñendo en risco a saúde pública.
XUNTA
Pola súa banda, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda remitiu senllas cartas aos ministros de Transportes, José Luís Ábalos, e para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, nas que pide que se tomen as medidas "oportunas" para evitar que este feito dane o patrimonio natural da contorna.
O departamento da Xunta indica na misiva, remitida este mércores, que tivo coñecemento a través dos medios de comunicación da existencia dunhas imaxes nas que uns operarios arroxan uns vagóns ao río desde a liña ferroviaria onde un tren de mercadorías descarrilou o pasado 28 de xullo.
O vídeo, continúa a carta dirixida ao ministro Ábalos, recolle "o que parece unha conduta totalmente inadmisible" e da que a Xunta non tiña coñecemento. "Arroxar de forma voluntaria vagóns ferroviarios a unha canle fluvial supón un ataque ao patrimonio natural, á biodiversidade e á paisaxe da zona", advirte a Xunta, que reclama ao ministerio de Transportes que, como responsable de Adif, clarifique "oportunamente" os feitos.
CIUDADANOS
"É unha barbaridade que Adif consinta e autorice tirar uns vagóns ao Sil". Así o asegurou este mércores a portavoz de Cs Galicia, Beatriz Pino, en relación a este feito. A responsable da formación liberal pediu que se investigue o sucedido e se depuren todas as responsabilidades. "Hai que investigar se o Goberno de Sánchez era consciente desta acción e se este tipo de actuacións forman parte da súa política ambiental", indica nun comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.