Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2020 | Actualizada ás 22:20
Novo episodio no conflito da presa de San Finx e súa limpeza. Augas de Galicia vén de desbotar nun informe as conclusións do estudo elaborado por un equipo ao fronte do que se sitúa Felipe Macías que "tentaba desresponsabilizar" á concesionaria da limpeza da estrutura, segundo destaca a plataforma Contraminacción. De acordo coa asociación, o estudo, "feito a petición da concesionaria da mina", vencella a existencia de "elevadas concentracións naturais de cadmio no entorno da mina de Lousame" ó río que por alí pasa, e non ós verquidos "ilegais" procedentes da mina.
Ante a dúbidas suscitadas polo estudo, liderada polo ex profesor da USC Felipe Macías, Augas de Galicia someteu o estudo de Macías a unha revisión por parte dun equipo da Universidade da Coruña liderado polo Catedrático Javier Samper. A UDC, a través dun detallado informe de 238 páxinas, considerou que as explicacións de Macías “carece de suficiente fundamento e xustificación”; advertindo de numerosas fallas, tanto metodolóxicas como aritméticas. As conclusións foron confirmadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.
De acordo coa plataforma Contraminacción, Augas de Galicia "ten constancia das verteduras mineiras ao río San Finx, a 7 km dos bancos marisqueiros da Ría de Noia e Muros, e que proceden da mina" con "rexistros constantes de altas concentracións de cadmio mesmo a 4,4 km da mina". A pesar destas circunstancias e dos procesos xudiciais en curso relacionados coas minas de San Finx, "nunca se sancionou ao concesionario mineiro polas verteduras, manténdose artificialmente aberto desde hai 5 anos un expediente de autorización de verteduras inzado de irregularidades".
UN PROFESOR CON INFORMES "CONTROVERTIDOS"
Ante estas circunstancias, dende a plataforma Contraminacción esixen á USC que se "desvincule" de Macías, xa que "non é a primeira vez que o ex-profesor da Universidade de Santiago de Compostela informa ou lidera a redación de controvertidos informes en procesos relacionados cos impactos ambientais de determinadas actividades, habitualmente a petición das empresas responsábeis deses impactos". Segundo a plataforma, Felipe Macías "xa tentara favorecer proxectos mineiros como o de Touro, onde chegara a propor a creación dun parque temático sobre organismos extremófilos para o estudo da vida extraterrestre como excusa para eximir a concesionaria da restauración dos cauces contaminados".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.