O PSdeG vixiará que Xunta deixe de "botar balóns fora" e exerza as súas competencias

Pablo Arangüena avanza que os socialistas farán unha oposición "leal e construtiva" pero "asina" nas esixencias.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2020 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PSdeG, Pablo Arangüena, asegurou que a súa formación reclamará na lexislatura que arrinca que a Xunta deixe de "botar balóns fora" e exerza as súas competencias para facer fronte aos efectos "económicos e sociais" da pandemia da COVID-19.

No día da constitución das comisións parlamentarias, ao que non puido acudir o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, por atoparse gardando unha corentena preventiva tras ter febre, Arangüena comprometeu unha oposición "leal e construtiva" pero "moi firme" para que a Xunta asuma as súas responsabilidades.

Neste contexto, o socialista mostrou a "preocupación" dos socialistas pola situación actual da pandemia e botou en falta a xestión da Xunta. "Galicia ten unha autonomía plena de primeiro nivel, ten moitas competencias e ten que exercelas", sinalou.

Así, nun momento "decisivo" e na medida na que "os efectos económicos e sociais da pandemia van ser moi fortes", lamentou que o Goberno galego "non está á altura" nin en materia sanitaria nin social nin tampouco en cuestións educativas.

Ademais, considerou que o presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, "non pode dicir" que a economía sexa "cousa do Goberno" cando ten a competencia plena de "promoción económica e política industrial".

Fronte a iso, Arangüena garantiu que o PSdeG traballará con "moitas ganas e moito ánimo a pé de país" na nova lexislatura que comeza, cun "galeguismo con sentido práctico". "Imos estar moi esixentes para que a Xunta de resposta ás necesidades dos galegos", subliñou.

Os viceportavoces parlamentarios do PSdeG Pomba Castro e Pablo Arangüena no Parlamento de Galicia. PSDEG
Os viceportavoces parlamentarios do PSdeG Pomba Castro e Pablo Arangüena no Parlamento de Galicia. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta