Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2020 | Actualizada ás 12:34
A Fundación Carlos Casares organiza, os días 11 e 12 de setembro, a segunda edición das Xornadas “Videoxogo e Literatura. Unha mirada transversal”, na que se debaten e analizan a situación e perspectivas do sector do lecer interactivo en Galicia e as súas posibles sinerxías co sector cultural, con especial atención á literatura. O evento terá lugar no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO).
Como novidade desta edición decidiuse apoiar a creación de contidos culturais que mesturen as facetas do videoxogo, as disciplinas artísticas e mais a literatura, con dúas competicións: unha de arte pixelada ou pixel art e outra para o desenvolvemento de videoxogos ou game jam.
O obxectivo, en ambos casos, é a creación de contido artístico dixital relacionado coa obra de Carlos Casares.
O prazo para o concurso de arte pixelada remata o 10 de setembro e poderán participar nel todas as persoas maiores de 18 anos que presenten unha obra orixinal sobre os episodios ou personaxes da novela Ilustrísima. O primeiro premio está dotado de 250 €, e o segundo de 125 euros.
O concurso de para desenvolvemento de videoxogos, ou game jam, ten como finalidade a creación dun videoxogo, en equipos de tres persoas maiores de 18 anos, e nun prazo dunha semana, cun tema concreto que está relacionado coa obra de Carlos Casares e que só saberán as persoas participantes en canto empece o período de programación. Establécese un premio de 500€ para o equipo gañador e de 250 euros para o segundo equipo clasificado. O prazo remata o 31 de agosto.
As bases do concurso poden visitarse tanto na web da Fundación Carlos Casares, como a das Xornadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.