Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 02/09/2020 | Actualizada ás 22:00
A primeira razón para okupar un espazo é que estea sen uso e se podan instalar colectivos que doutra maneira, non terían lugares onde realizar actividades. A segunda é a falta de vivenda para xente nova, familias desafiuzadas ou xente sen traballo, colectivos sen posibilidade de pagar alugueres. Existe unha terceira razón, uso de espazos abandonados por persoas sen fogar, con problemas de adiccións e ás veces, problemas legais. Esta terceira vía é a “referencial” ou a “escusa” segundo os colectivos okupas, para estigmatizar e criminalizar un movemento que ten máis de trinta anos de historia.
OKUPAS E VECIÑANZA
O Centro Social A Casa do Peixe en Compostela é un espazo cedido para a realización de actividades por parte de colectivos “que naceron arredor do 15M”. Situado na rúa Castrón Douro, a súa apertura e chegada non esperteou “unha actitude especial” por parte da veciñanza. “Houbo de todo, aínda que si fixemos por respectar os horarios e non causar molestias” din desde Casa do Peixe. O traballo desenvolvido neste espazo “eran cursos, concertos, charlas e para iso sempre se avisaba á veciñanza con tempo”.
Outro dos casos máis sonados en Compostela foi o do Centro Social Escarnio e Maldizer, que se instalou nunha antiga casa señorial na rúa da Algalia, no mesmo casco histórico compostelán. Uns anos antes fora a sede da Agrupación Cantigas e Agarimos, mais a suba de alugueres e as novas leis de propiedade forzaron o abandono do edificio. A okupación deste edificio supoñía “unha acción de solidariedade contra o despexo da sala Yago, uns anos antes” din fontes de Escarnio e Maldizer.
A okupación da sala Yago, o mesmo que do local Escarnio e Maldizer “quería denunciar a xentrificación da zona vella de Compostela ademais da turistificación da mesma, a suba dos alugueres e prezos no centro da cidade e os chamados pisos turísticos”.
En maio de 2017 desalóxase por orde xudicial o edificio okupado por Escarnio e Maldizer, ademais da orde de tabicar o edificio, cousa que se fixo con bloques de cemento, elementos que son contrarios ás leis de protección do patrimonio. A polémica arredor desta acción retumbou sobre o daquela goberno municipal de Compostela Aberta. Os puntos de vista sobre se a actuación policial fora proporcionada ou non, levantou serias discusións tanto na corporación como no goberno municipal.
“A veciñanza solidarizárase con nós, mesmo puxeran carteis en apoio ao Colectivo Escarnio e contra o desaloxo nos cristais das tendas da rúa” lembran desde Escarnio. O lugar foi reocupado de novo, aínda que actualmente a actividade non é moi intensa. Iso si, durante o período en que o edificio estivo pechado e tabicado, non se fixeron remodelacións nin reparacións no seu interior para a súa restauración ou mantemento.
OKUPA E DELINCUENCIA
A okupación co paso do tempo acabou sendo un elemento que entrou a formar parte do novo corpo legal da democracia. En concreto da Lei Orgánica 10/1995, de 23 de novembro, onde se recolle que ocupar un espazo sen permiso dos ou das propietarias leva entre tres e seis meses de multa. Con anterioridade, estas accións eran xulgadas polo civil, non polo penal, e case sempre ían a favor de quen okupaba. A razón que daban os xuíces eran que “o lugar estaba abandonado e agora había xente que lle daba uso” segundo aparece na tese doutoral de Lara Rozados Lorenzo, sobre poética e espazos alternativos.
O establecemento de novas normativas urbanísticas e legais que amparaban o desaloxo de edificios okupados, mesmo pola forza, foron reducindo o número destes espazos e os que quedaban tentaban resistir mesmo polas vías legais. Desta maneira, segundo as persoas da Casa do Peixe e xente de Escarnio e Maldizer, desde hai tempo existe unha postura de criminalización da okupa.
“Hoxe en día cualifícase de okupa a sectores que non teñen fogar e entran en edificios sen uso, tamén son persoas sen traballo e hainos que consumen substancias estupefacientes” din desde Casa do Peixe. “Mais a okupa era e é un movemento crítico que defende unhas determinadas posturas” fronte o modelo de vida aceptado pola maioría.
Desde Escarnio ven que algúns sectores “necesitan criminalizar porque agora tocan desaloxos, desafiuzamentos e ven necesario poñer esta cara de criminal para culpabilizar ás persoas”. A crise económica vai provocar que “a xente común non poda facer fronte a gastos que non poderán pagar”.
A okupa naceu para buscar espazos alternativos para ideas alternativas, posturas diferentes e tamén nalgúns casos, ofrecer un lugar onde vivir a quen non tiña recursos. Tamén algunhas destas accións permitiron preservar edificios con valor histórico ou que formaban parte dun conxunto de terreos que logo se revalorizaron mediante reformas legais, para acabaren sendo lugar de edificación. A okupación en si mesma, era é unha resposta a unha postura, a criminalización e as accións contra ela son a outra resposta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.