Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2020 | Actualizada ás 21:40
Naceu en Ourense, viviu en Ourense e faleceu en Ourense hai este xoves 114 anos. Aínda que a traxectoria de Valentín Lamas Carvajal non presenta grandes fazañas nin viaxes -só se lle coñece unha residencia á marxe de Ourense: Compostela- a súa pegada literaria e cultural segue presente en múltiples ámbitos do universo galego.
A particular historia de Valentín Lamas Carvajal comeza cando, aínda moi novo, queda cego por unha doenza dexenerativa que non lle permite rematar os estudos de medicina da Universidade de Santiago. Xa por aquel entón, Lamas Carvajal era un estudante inquedo e curioso, entrando en contacto coa intelectualidade da época nos escasos anos que pasou en Compostela.
Ao seu regreso a Ourense, onde casou e se instalou ante a pérdida case total da vista, o mozo arrincou unha inxente produción literaria e cultural que o levou a transitar por múltiples vieiros. Lamas Carvajal foi, por un lado, un recoñecido poeta do seu tempo. Conta Ricardo Carvalho Calero na súa Historia que, por mor da súa doenza, o poeta ditada os versos ós seus familiares, que logo lle relían os poemas en busca de revisións.
O TÍO MARCOS DA PORTELA
A pegada de Lamas Carvajal na cultura galega, porén, veu determinada polo papel fundamental que desenvolveu na fundación da que sería a primeira publicación periódica editada exclusivamente en galego: O Tío Marcos da Portela. O semario, publicado entre 1876 e 1890 en Ourense, marcou un antes e un despois no emprego da lingua galego en rexistro escrito e culto, servindo de antecedente para as múltiples publicacións periódicas que proliferarían na mesma cidade tan só unhas décadas despois, entre elas a celebérrima revista Nós.
A eféride do poeta e xornalista ourensán contou con eco nas redes sociais.
#TalDíaComaHoxe de 1906 falecía en Ourense o xornalista Valentín Lamas Carvajal. Fundou o primeiro semanario en galego, O tío Marcos da Portela, onde nace o Catecismo do Labrego. Tempo despois a obra sería publicada de forma independente baixo o pseudónimo Frai Marcos da Portela. pic.twitter.com/tsQDMQkHvk
— Galiza Sempre (@galizasempre) September 3, 2020
A Asociación de Medios en Galego escolleu o 7 de febreiro como o Día dos Medios en Galego por coincidir co aniversario da publicación periódica do Tío Marcos da Portela. pic.twitter.com/AyLmjcTexm
— Galiza Sempre (@galizasempre) September 3, 2020
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.