Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 04/09/2020 | Actualizada ás 14:03
Medio cento de hostaleiros de lecer nocturno do centro da Coruña concentráronse na praza de María Pita para reclamar poder abrir ata a unha da madrugada. "Somos o único sector ao que se obrigou a pechar e sen ningún tipo de axuda nin xustificación", explicou Daniel Mosquera, un dos afectados.
É a segunda concentración que realizan para reclamar que lles permitan abrir ou que exista unha liña de axudas específicas. "Pasou un mes e os compañeiros seguen cos seus locais pechados, tendo que pagar as súas rendas, as cotas de autónomos e as facturas e non temos data de cando poderán reabrir", denunciou Xabi Barral, hostaleiro do Orzán.
O colectivo pide que sexa a Xunta a que autorice a apertura e descartan o cambio de permisos a nivel municipal. "Por licenza, podemos abrir desde o dez da mañá, sen ter que cambiala, e sería ata a unha, como o resto da hostalaría", detallou Mosquera, que lembra que "houbo contaxios noutro tipo de sitios" e, di, "non houbo esta discriminación".
Os hostaleiros reuníronse cos grupos municipais de Marea Atlántica e BNG e esperan contactar co goberno local esta mesma semana. "Non entendemos por que non poden estar abertos ata a unha, ofrecendo alternativas diúrnas", censura Barral, que considera que a situación é "insustentable" e que levará ao peche de pubs nas próximas semanas.
CONCELLO DA CORUÑA
Pola súa banda, o Concello da Coruña estudar alongar o prazo para que os hostaleiros da cidade poidan ampliar o espazo destinado a terrazas e a ocupación de prazas de aparcadoiro na vía pública ante a finalización da medida excepcional, o próximo 15 de setembro.
En declaracións aos medios, o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, explicou que a decisión se tomará en función da evolución da crise sanitaria. "Estamos a estudar a posibilidade de prorrogalo", afirmou, pondo de prazo máximo o día 15 e engadindo que o consultarán coas autoridades sanitarias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.