Feijóo defende a xestión de Almuiña en Sanidade pero non a de Pomar en Educación

Di que o ex titular de Sanidade propuxo ser relevado e liga a marcha de Pomar con non aumentar consellerías.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2020 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confesou este luns que o propio Jesús Vázquez Almuiña pediu, tras as eleccións autonómicas do 12 de xullo, ser relevado na carteira de Sanidade. Ao tempo, ligou a saída de Carmen Pomar á súa intención de crear unha Consellería de Empreo e Igualdade "sen aumentar" o número de departamentos autonómicos, que segue en 11, tras reunificar baixo a batuta de Román Rodríguez as competencias educativas e culturais.

O conselleiro de Sanidade saínte, Jesús Vázquez Almuiña, intervén na toma de posesión do novo Goberno de Alberto Núñez Feijóo.
O conselleiro de Sanidade saínte, Jesús Vázquez Almuiña, intervén na toma de posesión do novo Goberno de Alberto Núñez Feijóo. | Fonte: Europa Press

Tras o acto de toma de posesión do seu noveno Gabinete, Feijóo tivo palabras de agradecemento para os conselleiros saíntes dun equipo, remarcou, que traballou "unido" e así debe seguir.  Con todo, defendu a xestión de Almuiña e non así tanto a de Pomar. "Jesús e Carmen son os que dan a primeira substitución. Veremos que lles depara o futuro", reflexionou o xefe do Executivo autonómico, á vez que lles manifestou o seu desexo de "seguir traballando xuntos".

A continuación, enxalzou a xestión do que foi alcalde de Baiona ata que o fichou para o seu Executivo en 2015. E exemplificou con que o Goberno central destacou que Galicia fixera unha "excelente xestión" no ámbito sanitario na primeira onda da pandemia, cando o país estaba baixo a declaración do estado de alarma. Con Almuiña á fronte, Feijóo destacou que a sanidade galega foi "das mellores preparadas". El e o seu equipo, engadiu, deixan "unha pegada potente".

ALMUIÑA "ENTENDÍA QUE PROCEDÍA UN CAMBIO"

E a continuación revelou que o propio Almuiña puxo sobre a mesa a súa substitución nun despacho que mantivo con el tras as eleccións do pasado 12 de xullo. "No que eu pensei que sería un despacho de cuestións ordinarias, comunicoume que el entendía que procedía un cambio en Sanidade", explicou.

Dito isto, rememorou que levaba cinco anos cunha das carteiras máis esixentes na xestión e, ao tempo, coa que máis impacto sufriu coa pandemia. "Un esforzo impagable e moitas noites sen durmir", resumiu o presidente galego, antes de dar a benvida ao seu sucesor, Julio García Comesaña, outro xestor sanitario que coñece "de abaixo arriba" o sistema. "Se con Almuiña acertamos, con el farémolo tamén", augurou.

Tamén tivo boas palabras para a xestión de Carmen Pomar. "Dino os resultados PISA, pouco temos que dicir os políticos", aseverou, antes de vincular a súa saída co seu desexo de crear un novo departamento de Emprego, do que María Jesús Lorenzana será a titular, sen elevar o número de consellerías. De aí a que optase por Román Rodríguez para "recuperar" competencias que xa tivo no seu día e que volveu a reagrupar coas culturais, evidenciando a súa confianza no lalinense.

"NOITES SEN DURMIR" POLA PANDEMIA

O extitular de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, quen pediu a Feijóo a súa substitución, agradeceulle a "oportunidade" ofrecida de estar á fronte dun departamento "tan importante", así como ao resto de membros do Gabinete polo seu labor de axuda e colaboración" desde que asumiu o cargo en 2015.

Pola súa banda, a conselleira de Educación saínte, Carmen Pomar, centrou o seu discurso en que este luns despide "un ciclo" do mesmo xeito que o comezou hai case dous anos: "Con moita ilusión, moitos nervios e moitas ganas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Podemos tentar influir na política dende as redes sociais (?) Seguramente non, pero non costa moito intentalo... https://twitter.com/00Gamela/status... Cada día un tuit para Feijoo !