Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2020 | Actualizada ás 21:35
O Festival de Cinema e Televisión de León vén de pechar a súa edición con acento galego. O xurado do certame, cuxa gala de clausura foi celebrada este sábado día 5, entregou o premio a mellor documental á obra Manoliño Nguema, metraxe galega que narra a vida do artista ecuatoguineano Marcelo Ndong, criado na Ciudad de los Muchachos de Benposta, en Ourense.
O documental, dirixido polo alicantino Antonio Grunfeld, e producido por producido por Filmika Galaika e a ONG Waka films, coa colaboración de Agareso, xa conquistara no pasado mes de febreiro o Premio do público e unha Mención de Honra no Festival de MiradasDoc de Tenerife. Á parte, no mes de marzo gañou un premio Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual, e no mes de xullo recibiu o Premio á mellor dirección e realización da man de CREA (Asociación Galega de Profesionais dá Realización e Dirección).
Manoliño Nguema consiste nun achegamento ó singular universo do proxecto do Circo de los Muchachos de Benposta. A metraxe, que comezou concibida como un documental convencional, foise transformando "nunha iniciativa moito máis ampla que aglutina o teatro, a música e a formación nunha alegación en favor da migración", segundo destacan dende a ONG Agareso.
NAS CIDADES GALEGAS
O documental continuará o seu periplo por festivais de todo o mundo facendo unha parada en Santiago o vindeiro luns 14 no marco do festival Compostela máis solidaria. De xeito paralelo, tamén está programado no Festival de Cinema de Ourense (OUFF), que este ano se celebra do 25 de setembro ao 3 de outubro. Na Coruña presentarase o 3 de outubro en Cinemabeiro, Mostra Internacional de Cinema pola Paz e a non violencia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.