Feijóo segue depurando Sanidade e Política Social relevando as súas cúpulas e cambia aos cinco delegados territoriais

Haberá substitución na área de Maiores e Persoas con Discapacidade e en Familia, nas que Ildefonso de la Campa e María Amparo González serán substituídos por Jacobo Rey e Fernando González Abeijón.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2020 | Actualizada ás 15:17

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou cambios nos principais cargos directivos na segunda escala de organización das consellerías de Sanidade e Política Social, os departamentos autonómicos sobre os que recaeu o peso, ata o momento, da xestión da pandemia de covid-19.

Así, deixan o cargo en Sanidade o ata agora xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa e a directora xeral de Saúde Pública, o responsable de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares. Deste xeito, Julio Flores asume a Xerencia do Servizo de Saúde e Carmen Durán Parrondo a Dirección Xeral de Saúde Pública.

En Política Social, consellería para a que se crea a Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria que exercerá o doutor Antón Acevedo, haberá substitución na área de Maiores e Persoas con Discapacidade e en Familia, nas que Ildefonso de la Campa e María Amparo González serán substituídos por Jacobo Rey e Fernando González Abeijón.

Trátase de parte dos 19 nomeamentos efectuados no Consello da Xunta deste xoves e dos que deu conta o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, nunha rolda de prensa na que xustificou as substitucións en Sanidade coa entrada dun novo conselleiro, Julio García Comesaña, e a configuración do seu propio "equipo".

Ademais, tamén hai cambios nas cinco delegacións territoriais da Xunta, que cambian aos seus titulares para dar paso a Gonzalo Trenor na Coruña, Gabriel Alén en Ourense, Luisa Piñeiro en Pontevedra, Javier Arias en Lugo e Marta Fernández-Tapias en Vigo.

Feijóo, tras a reunión semanal do Consello.. Xunta de Galicia
Feijóo, tras a reunión semanal do Consello.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

NOVAS CARAS PARA O GRUPO POPULAR NO PARLAMENTO

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, segue avanzando cos nomeamentos no segundo nivel da Xunta, que se traducirán en varios cambios de caras no Grupo Popular.

Así, finalmente Gonzalo Trenor non chegará a entrar na Cámara, a pesar de que sería ao que lle tocaría relevar a Álvaro Pérez López, a quen Feijóo designou a semana pasada Secretario Xeral de Presidencia. Este xoves transcendeu que Trenor estará á fronte da delegación territorial da Xunta na Coruña.

Así, o seguinte na lista pola Coruña que está chamado a ocupar un asento no hemiciclo é Rubén Gómez Lorenzo, técnico en Comercio e Mercadotecnia; e vogal da xestora do PP de Carballo.

Por Pontevedra, tras ratificarse que Marta Fernández-Tapias será a delegada territorial da Xunta en Vigo, está chamada a entrar no Parlamento a tamén viguesa Teresa Egerique, quen ocupou o número 14 na candidatura que encabezaba o propio Feijóo para as autonómicas.

Os dous anteriores na candidatura pontevedresa, a quen correspondese recoller acta antes, eran Silvestre José Balseiros Guinarte e Nava Castro, pero ningún dos dous entrarán no Pazo do Hórreo porque Feijóo os recuperou a semana pasada para a Dirección Xeral de Gandaría e Turismo, respectivamente.

Finalmente, tras volver Antonio Rodríguez Miranda á Secretaría Xeral de Emigración e elixir Feijóo ao exalcalde de Cenlle Gabriel Alén para dirixir a delegación territorial da Xunta en Ourense, haberá dous cambios no grupo de deputados populares ourensáns e están chamados a sentar no hemiciclo Marta Rodríguez-Vispo, deputada desde o VIII Lexislatura, e o exalcalde de Celanova José Luís Ferro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta