Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2020 | Actualizada ás 16:08
O Museo Centro Gaiás comezou a recibir as primeiras das ao redor de 300 obras que comporán a exposición 'Galicia, de Nós a nós', a que será a máis completa e ambiciosa exposición realizada ata o momento da Xeración Nós e proxecto central da programación que a Xunta desenvolve con motivo do centenario da publicación da revista que lle deu nome a este grupo.
Entre as pezas que xa están na Cidade da Cultura para formar parte deste proxecto expositivo, que se inaugurará o 2 de outubro, está un dos orixinais que se conservan da Carta Xeométrica de Galicia realizada por Domingo Fontán, que pertenceu a Ramón Otero Pedrayo e que se conserva no seu Pazo-museo de Trasalba, en Amoeiro.
A Carta Xeométrica de Galicia é o primeiro mapa físico realizado en España empregando métodos científicos e matemáticos a través dun sistema de triangulación, un fito da cartografía que o xeógrafo Domingo Fontán finalizou en 1833, tras investir na súa realización 17 anos da súa vida. Durante a súa elaboración, percorreu toda Galicia a pé e dacabalo e localizou 4.000 igrexas e todos os accidentes xeográficos importantes, conseguindo un nivel de detalle e exactitude adiantado ao seu tempo e, nalgúns casos, non superado ata a aparición da fotogrametría aérea, case un século máis tarde.
O mapa tivo que ser trasladado ao Gaiás nunhas condicións de protección especiais, dada a súa excepcional envergadura, e exporase no segundo piso do Museo Centro Gaiás, do mesmo xeito que pode verse no Pazo de Trasalba, acompañado dun banco que permite sentar fronte á peza para distinguir Galicia desde a Punta de Estaca de Bares á Raia Seca
Con 'Galicia, de Nós a nós', a Xunta quere contribuír, ademais da homenaxear á Xeración Nós, a dar a coñecer a riqueza dos fondos atesourados por numerosas fundacións e entidades, especialmente galegas. En conxunto, ceden obra para a exposición un total de 51 institucións, catro delas internacionais, dous do resto de España e as restantes 45 de Galicia, así como oito prestamistas privados.
Ademais da Fundación Otero Pedrayo, entre as institucións colaboradoras cóntanse a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Instituto Pai Sarmiento de Estudos Galegos, o Museo do Pobo Galego, o Museo de Pontevedra, o Museo Provincial e Arqueolóxico de Ourense, as fundacións Vicente Risco, Castelao, Losada Diéguez e Penzol, o tres universidades galegas, o Parlamento de Galicia, a Deputación de Ourense, a Catedral de Ourense ou a Biblioteca de Galicia, entre outras.
A exposición, comisariada polo investigador e académico da Real Academia Galega (RAG) Afonso Vázquez Monxardín e a profesora e investigadora da Universidade de Vigo, Ana Acuña, reunirá tamén obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal, que porán o foco nas conexións internacionais da revista Nós e dos seus impulsores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.