Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2020 | Actualizada ás 21:35
Novo apoio na loita pola mellora do tren de proximidade de Ferrolterra. Ás demandas de múltiples asociacións do sector contra o "abandono" sufrido pola liña ferrolá súmase hoxe a asociación ecoloxista Adega. Dende a plataforma verde exixen manter e mellorar os servizos dos convois de proximidade para reducir a pegada ecolóxica do coche privado.
O chamamento de Adega, que insta á cidadanía a "deixar o coche particular na casa", chega, precisamente, no Día mundial sen coches. Aproveitando a xornada, a plataforma vén de emitir un comunicado no que pide cambiar os "hábitos de mobilidade" para "mitigar o cambio climático" e "írmonos preparando para a nova mobilidade".
"O uso xeneralizado, masivo e abusivo do coche particular é o responsábel en grande medida do quecemento global", asegura a plataforma, que cifra no 25% a porcentaxe da gases de efecto invernadoiro que procede do tráfico, segundo cifras do MITECO. "O coche privado é o sistema de transporte máis caro e o máis ineficiente desde o punto de vista enerxético, alén de ser o que máis contamina", puntualizan.
FERROLTERRA
Fronte a esta circunstancia, a asociación valora o tren de proximidade como unha alternativa máis limpa e sostible que cómpre reforzar. De xeito concreto, fan fincapé no caso de Ferrolterra, onde os escasos convois que seguen a funcionar son presa do "abandono" de Renfe. "O FEVE está abandonado á súa sorte polo goberno central e non ofrece uns servizos óptimos, malia que para concellos como San Sadurniño-Cerdido ou Moeche este sistema de transporte é imprescindíbel", destacan dende a asociación.
ADEGA insta ó Goberno a reforzar o servizo do tren ferrolán, para o que se agardar unha mellora a partir de 2024. As demandas da asociación, que destaca a pegada ecolóxica "moitísimo menor" deste medio de transporte, chegan tamén logo do anuncio de Renfe de que as liñas suspendidas na pandemia non serán restituídas de xeito automático senón atendendo á demanda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.