Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2020 | Actualizada ás 09:00
Nova xornada de folga no sector da educación convocada por CIG-Ensino, CCOO e STEG. Docentes de todo o país foron chamados ó paro por parte dos sindicatos para expresar o seu rexeitamento ós sucesivos protocolos da Consellería de Educación, que hoxe mesmo actualizou as indicacións para as aulas cunha nova versión do texto.
A convocatorio de folga desta xornada, que incuíu unha concentración ante o edificio administrativo da Xunta en San Caetano, veu marcada, novamente, polo servizos mínimos "abusivos" impulsados pola Consellería de Educación a poucos días do comezo do curso. Esta circunstancia sumouse ó feito de que na xornada deste mércores tan só tiveron lugar as presentacións de parte dos IES de Galicia.
Con todo, a reacción dos sindicatos a respecto da folga segue a ser positiva, aplaudindo que o profesorado "volveu reaccionar contundentemente" -en palabras da CIG- participando en diversas concentracións, se ben non precisaron cifras de seguemento. A xornada deste mércores vén marcada polo incremento sostido dos contaxios nos centros galegos, que acumulan xa múltiples aulas pechadas e ata un caso de clausura total: o do colexio Calasancio de Pontevedra, xa reaberto.
Fronte a estas circunstancias, as peticións de CIG ensino oriéntanse a garantir o metro e media de distancia, un requerimento que, segundo apuntan, "non se cumpre en infantil, primaria e educación especial". Á par, seguen a esixir a tan demandada redución dos ratios, unha petición que non ven substituíble coas mamparas achegadas pola Xunta.
"Estes días estamos vendo xa imaxes de aulas con mamparas que son unha auténtica aberración porque se manteñen cunha gran ocupación, eliminan espazo para o movemento do alumnado, dificultan a ventilación interior e supoñen unha maior complicación á hora de limpalas e mantelas hixienizadas”, apuntou Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino.
CRÍTICAS Á "OPACIDADE"
A formación sindical aproveitou tamén a xornada de folga para reclamarlle á administración "transparencia e rigor" á hora de facer públicos os datos de contaxios e a xestión das corentenas dos grupos ou dos centros afectados. “Non é de recibo que, despois de serlle demandada esta información por escrito ao conselleiro, para que se faga pública diariamente na páxina web da Consellaría, a administración informe só a algúns medios de comunicación da desagregación de datos por colexios e institutos", subliñou Bermello.
Neste aspecto, as críticas do sindicato únense ás mostras de preocupación manifestadas polo Colexio de Xornalistas de Galicia, que vén de esixir á Consellería de Sanidade que faga públicos unha serie de datos a respecto da pandemia para poñer fin á "opacidade" coa que, subliñan, está a ser xestionada a crise da covid.
"Toda a comunidade educativa e a sociedade en xeral ten dereito a coñecer mediante un sistema público e transparente estes datos actualizados diariamente”, reclamou Bermello, á vez que lembrou os problemas de conciliación que xa están a ter moitas e moitos docentes para coidar as súas crianzas cando se decretan corentenas na súa aula.
Neste sentido, o secretario concluíu que “é preciso que se negocie canto antes un sistema de permisos retribuídos para estas casuísticas que serán constantes ao longo do curso e necesarias se queremos frear a transmisión da enfermidade dentro dos centros". Á par, dirixiu as súas reclamacións de cara á conformación dunha mesa sectorial para tratar o tema da teleformación ou da semipresencialidade, porque implica cambios moi relevantes nas condicións de traballo do profesorado, e para a que a Consellaría segue sen ter un plan específico”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.