Por E.P. | A Coruña | 24/09/2020 | Actualizada ás 14:29
O Festival Mar de Mares, que se celebra na Coruña ata o domingo, busca trasladar á sociedade, "con moita insistencia e con moita forza", a necesidade de coidar os océanos. "Uns océanos sans son máis importantes agora que nunca", explicou na inauguración do evento a codirectora Merce Carballo, alertando da "emerxencia climática actual".
"Necesitamos un novo modelo económico e social e unha reconstrución en verde e azul", engadiu a responsable do evento, que inclúe numerosas actividades relacionadas coas artes, movementos activistas ou enerxías renovables, entre outras, e que están "practicamente cheas". Tamén se poderán seguir, dixo, a través de Internet.
"A fotografía para este festival é fundamental para dar a coñecer as belezas dos océanos e, á vez, como ferramenta para denunciar os problemas que ocorren", destacou a outra codirectora, Silvia Oviaño, en referencia á exposición da fotógrafa Isabel Muñoz que xa se pode visitar na Mariña.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, mostrou a súa satisfacción por que a cidade se converta por uns días na "capital mundial da defensa do mar" e considera que este tipo de eventos "conciencian de que a saúde dos océanos nos incumbe a todos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.