Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/09/2020 | Actualizada ás 22:00
A Xunta de Galicia decidiu utilizar un á Axencia Turismo de Galicia –un dos organismos que máis orzamentos manexa do Goberno galego para tarefas de promoción e que está encargada de difundir accións turísticas-- para financiar aos medios de comunicación co obxectivo de que informen sobre as medidas que o Goberno galego está implementando nesta fase da desescalada. Unha decisión que contrasta coas evasivas do Goberno galego para investir en sanidade e educación tal e como lle piden numerosas entidas e asociacións.
Deste xeito, Turismo de Galicia destina 616.000 euros a pagar accións publicitarias que nada teñen que ver co turismo, senón coa Covid. Entre os medios subvencionados están xornais moi próximos ao Partido Popular sen vinculación con Galicia, como é o dixital Libertad Digital. Curiosamente, ningún medio en galego privado aparece na relación de Turismo de Galicia.
Como noutras ocasións, o grupo que máis recibe é outro moi vinculado ao Partido Popular, o Grupo La Voz de Galicia, que leva 293.000 euros ( La Voz de Galicia, 144.000 e Corporación Voz de Galicia, 149.000 euros). Os cartos, segundo o convenio aprobado, son para a “difusión informativa das medidas e protocolos de actuación que deberá adoptar a poboación nas fases de desescalada consecuencia do COVID-19”.
Tamén reciben o resto de grupos tradicionais galegos. Así, o Grupo Prensa Iberica leva 192.533 euros (Faro de Vigo, 150.000 e La Opinión de A Coruña, 42.533), Grupo La Región, 91.965 (La Región, 77.895 e Rías Baixas de Comunicación, editora de Atlántico Diario, 14.070 euros), o Grupo El Progreso, 114.681 (El Progreso de Lugo, 76.954 e Lérez Ediciones, S.L., que edita Diario de Pontevedra, 37.727), Editorial Compostela, editora de El Correo Gallego, medio con numerosas vendas e inmersa nun proceso de venda, leva 46.656 e Editorial La Capital (editora de Ideal Gallego e Diario de Ferrol) leva 33.339 euros. A corporación pública Radio Televisión de Galicia leva 90.258 euros.
A Xunta tamén financia a grandes medios e emisoras estatais, especialmente, as dependentes do Grupo Prisa. Así, Prisa Brand Solutions, SL, a marca do grupo Prisa que controla entre outros medios El Pais ou Cadena Ser, e que comercializa a publicidade, leva 44.000 euros, e a Sociedad Española de Radiofusión (SER) e as súas emisoras asociadas en Galicia levan 82 .000 euros ( Radio Vigo, Radio Coruña, Radio Ourense, Radio Lugo, Radio Carballiño e Radio Pontevedra). Tamén Radio Popular, propietaria de Cadena Cope, 57.000 euros e Onda Cero, 28.000. Pola súa banda, o diario ABC recibe 60.000 euros e Unidad Editorial, editora de El Mundo, 44.000 euros.
Chama a atención a aparición na lista dun único médio nativo dixital, Libertad Digital, sen delegación en Galicia, pero moi vinculado ao PP, como o ABC, que si ten equipo de redación en Galicia. Recibe 10.000 euros. Curiosamente, ningún medio privado en galego, moitos deles con máis lectores e visitas que outros medios subvencionados, recibe un céntimo destas subvencións, como ven sendo habitual por parte desta Xunta de Feijóo que exclúe sistemáticamente aos medios en galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.