Feijóo asume que os orzamentos non estarán para o 1 de xaneiro e culpa ao Goberno central

Confía en que en Consello de Política Fiscal e Financeira debuxe "o cadro" sobre o que definir as contas autonómicas de 2021

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2020 | Actualizada ás 19:31

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu que "parece practicamente imposible" que Galicia conte con orzamentos aprobados a día 1 de xaneiro, unha situación da que responsabilizou ao Goberno central pola falta de "definición" de asuntos como o teito de gasto ou o uso do déficit.

Así se pronunciou, a preguntas dos medios este xoves na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o mandatario autonómico, que confía en que a situación comece a despexarse tras a celebración o vindeiro luns do Consello de Política Fiscal e Financeira.

Unha cita da que espera que saiga "o cadro" sobre o que o Goberno galego poida "deseñar" os seus orzamentos que, di, non estarán aprobados antes de final de ano "polos continuos cambios de criterio" do Executivo central.

Feijóo cre que "os vaivéns" da Administración central son patentes "só con seguir as declaracións" dos seus dirixentes en asuntos como o déficit ou a regra de gasto. "É moi difícil empezar a deseñar algo", comentou.

Así as cousas, o presidente sinalou que, nestes momentos, a Xunta atópase "traballando con fichas e políticas económicas" que "non" pode "sustentar" sobre cifras "porque as descoñece", xa que asuntos como as liquidacións ou a débeda "seguen en interrogación".

Feijóo, tras a reunión semanal do Consello.. Xunta de Galicia
Feijóo, tras a reunión semanal do Consello.. Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta