A galega Olga Novo, Premio Nacional de Poesía 2020

Recibe o galardón do Ministerio de Cultura pola súa obra 'Feliz Idade'.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 15/10/2020 | Actualizada ás 17:48

Comparte esta noticia

A poeta Olga Novo Presa foi galardoada co Premio Nacional de Poesía, correspondente a 2020, pola súa obra 'Feliz Idade'. O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros.

Olga Novo
Olga Novo | Fonte: barcelonareview.com

O xurado elixiu esta obra "por tratarse dun relato vitalista que celebra o amor e a existencia máis aló do tempo". "O libro é unha criatura viva que relaciona a maternidade e a morte cunha profunda presenza crítica da memoria histórica", engadiu.

Ademais, o xurado destacou que a voz poética de Olga Novo, "inconfundible e de gran potencia, conxuga autenticidade e verdade, e distínguese pola súa linguaxe visionaria que trae á contemporaneidade o eco ancestral de toda unha tradición literaria".

Olga Novo (Vilarmao, A Pobra do Brollón, Lugo, 1975) é doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela. Voz destacada da poesía contemporánea en galego, é autora dunha obra entroncada con propostas radicais surrealistas e libertarias, marcada ademais por un profundo vitalismo telúrico, o feminismo, a memoria agraria e o erotismo.

Así se plasma na antoloxía 'Os líquidos íntimos' (Cálamo, 2013), onde Olga Novo verteu ao castelán unha parte esencial da súa obra, ofrecida ademais na súa lingua orixinal, o galego.

Dos seus tres primeiros poemarios publicados, 'A teta sobre o sol' (1996), 'Nós nus' (1997, Premio Losada Diéguez de Creación) e 'A cousa vermella' (2004), a crítica xa destacou o seu gran torrente vivencial e a súa forza expresiva, unidas a unha fonda e persoal sensualidade. Con posterioridade, publicou 'Cráter' (2011), Premio da Crítica española.

Así mesmo, é autora de dous poemarios en colaboración: 'Magnalia' (2001), co tamén poeta Xoán Abeleira e a pintora Alexandra Domínguez; e 'Monocromos' (2006), co pintor Concetto Pozati. Tamén publicou libros de ensaio e colabora con varias publicacións culturais. Tras licenciarse en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, compaxinou o labor literario coa docencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Lourenzo

É para estarmos ben orgullosos de que con este Premio Nacional de Poesía 2020, Olga Novo recolla a testemuña doutra autora de poesía en galego, Pilar Pallarés. Viva a literatura galega e viva o galego!