Os hospitais de Vigo e Lugo foron pioneiros nunha aplicación de rastrexo da Covid entre sanitarios

A HEpiTracker é un App creada durante os meses duros do confinamento para analizar a evolución da pandemia entre o persoal sanitario que variou do 39% de contaxiados no Hospital La Princesa de Madrid, ao 3,6% dos profesionais do HULA, de Lugo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/10/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os hospitais Álvaro Cunqueiro, de Vigo, e do HULA, de Lugo, foron pioneiros, entre o 8 de abril e o 30 de maio, dun experimento para que os seus sanitarios participaran nunha aplicación informática desenvolvida no marco do proxecto Amadiich para o estudo de monitorización activa e determinantes de infección incidente de COVID-19 en poboación hospitalaria.

Estatisticas de participación nas probas coa APP HepiTracker para sanitarios durante os meses do confinamento
Estatisticas de participación nas probas coa APP HepiTracker para sanitarios durante os meses do confinamento

A HEpiTracker (en inglés -Rastreador de Epidemias no Hospital-) é unha ferramenta dixital baseada na xeolocalización e o big data que, en tempo real, pretende determinar a extensión da COVID-19 entre profesionais que traballan en hospitais, controlar brotes epidémicos nestes recintos e planificar as actuacións e respostas por parte do sistema de saúde. Así, a través de informes automáticos e customizados, este sistema permite ás xerencias e direccións médicas a xestión, investigación e creación de estatísticas (por idade, sexo, servizo e grupo laboral) en relación coa afectación da enfermidade.

 

A iniciativa HEpiTracker foi impulsada desde o Servizo de Pneumoloxía do Hospital Universitario da Princesa e na súa posta en funcionamento, durante abril e maio, participaron oito hospitais de todo o estado, entre eles, os de Lugo e Vigo.  O seu obxectivo era crear un mapa da propagación do SARS-CoV-2 entre os traballadores destes centros hospitalarios, sexan sanitarios (enfermeiras e médicos) ou non sanitarios (celadores, persoal de limpeza, administración, seguridade, laboratorios e outros) para orientar unha estratexia de actuación "efectiva e coherente" en todo o Sistema Nacional de Saúde.

 

A través da app, os traballadores enchen diariamente a súa temperatura corporal e apuntan unha serie de campos: detalles relacionados co seu traballo/exposición, aspectos relacionados cos síntomas compatibles coa COVID-19, e os resultados das probas diagnósticas. A partir destes datos, cada 24 horas xéranse informes anónimos e automáticos indicando os grupos con cambios nos síntomas, diagnósticos de sospeita ou confirmación de forma global e personalizados para cada departamento/servizo do hospital, así como unha descrición epidemiolóxica.

Aplicación do HepiTracker para traballadores sanitarios
Aplicación do HepiTracker para traballadores sanitarios

 

BAIXA PARTICIPACIÓN

 

Con todo, a participación no proxecto non foi a esperada. Segundo recolle o doutor Trevis sánchez en "Hospital Epidemics Tracker (HEpiTracker): Description and pilot study of a mobile app to track COVID-19 in hospital workers" publicada a finais de setembro no "JMIR Public Health Surveill", unha revista científica do ámbito sanitario e tecnolóxico, a participación total por centro hospitalario foi baixo e fluctou entre o 5.06% no Hospital Álvaro Cunqueiro (128 de 2.529 participantes potenciais) ao 2.97% do ICO L'Hospitalet (20 de 674 participantes potenciais).

 

A maioría de participantes foron mulleres (67.7%), cunha idade media de 45.4 anos e maioritariamente non fumadores. Sobre dous-terzos de participantes (68.8%) era traballadores de saúde e o resto persoal non sanitario. Dos participantes, o 25,4% declararon ser alérxicos, o 13,8% ser asmáticos e 0 1% ter unha bronquite crónica.

 

CONTAXIOS

 

E a variación dos contaxios entre centros hospitarios e comunidades tamén foi evidente. Así, a porcentaxe de probas de PCR positiva foi altamente variable, desde o 39% de participantes no hospital La Princesa (16/41 participantes), tendo en conta o alto impacto inicial que a Covid tivo en Madrid, ata o 20% en Xirona (2/10), 9.5% (16/169) no Álvaro Cunqueiro, 8.8% (6/68) no ICO L'Hospitalet, e o 3.6% (4/116) no Lucus Augusti.

O investigador principal do proxecto Amadiich, o doutor Joan B. Soriano, médico epidemiólogo do Servizo de Pneumoloxía do Hospital Universitario da Princesa,  e impulsor desta aplicación, lembra que cando se puxo en marcha, no inicio da pandemia, os traballadores de hospital eran un dos grupos de risco máis importante de infección por COVID-19 e que "os hospitais podían colapsarse". "Así que, pensamos en desenvolver unha ferramenta para monitorizar a incidencia de novos casos de infección dentro dos hospitais", lembra.

Con todo, sete meses despois do inicio da pandemia en España, xa xurdiron outras apps similares que poden relegar esta app. Pero o seu creador suliña que xa traballan nunha evolución do Hepi Tracker. Trátase do Epiwrist, unha especie de reloxo que, ademais da HepiTracker, incormpora un monitor de tose, de actividade e de soño, xiroscopio e frecuencia cardíaca e respiratoria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta