1º de maio. A crise que a pague o capital

Nunha economía de mercado, os medios de produción e financiamento están en mans duns poucos privilexiados e as ganancias son privadas e as perdas públicas. Somos as humildes asalariadas e asalariados os que sempre pagamos os pratos que os millonarios e potentados capitalistas rompen. Os adiñeirados e magnates das finanzas din que son os únicos capaces de crear riqueza, porén cando viron a un millonario traballando nunha obra? Seica viron algún rico pendurado dunha estada? Quizais apertando un parafuso ou unha porca nunha cadea? Non, verdade? a xente da clase traballadora é a que fai esas cousas! Pero o colmo de todo este envurullo é que agora ademais as persoas humildes somos as que temos que salvar á banca privada e ás finanzas públicas e tamén os que teremos que pagar os pratos rotos dunha crise que non provocamos. Porén, é de babecos arrimar o ombreiro e apoiar a quen non mostrou capacidade ningunha para producir riqueza e si para malgastar os cartos de todos e todas.

Por Lois Pérez Leira | Vigo | 01/05/2013

Comparte esta noticia
O paro e a pobreza medran mentres as grandes fortunas e patrimonios se incrementan. De tal xeito que o desemprego supera xa a cifra dos 6,2 millóns de persoas (un 27'16%), o número de fogares con todos os seus membros no paro alcanzou 1.906.100; o 22% da poboación do Estado está por debaixo do limiar da pobreza ou en risco de exclusión social e a renda dispoñíbel dos fogares descendeu, no último ano, preto do 10%. Entrementres, os segmentos adiñeirados son un 8,4% máis ricos que hai un ano. Dende que arrancou a crise no 2007 as 35 grandes empresas e bancos españois, agrupados no índice bolsista Ibex 35, gañaron 250.000 millóns de euros.
 
No Estado español, só cinco grandes bancos monopolizan o poder do crédito. Xa van máis de 100.000 millóns de euros en recortes sociais e laborais que o estado depositou nunha bandexa para a banca. Unha banca cuxos beneficios dende o 2007 alcanzan os 99.234 millóns de euros e que anuncia, a través de titulares de prensa, que os seus beneficios se dispararán en 2013 a máis de 12.000 millóns de euros. As tres grandes eléctricas españolas, Iberdrola, Endesa e Gas Natural, tamén nadan en ganancias, pois lograron un beneficio conxunto o ano pasado de 6.315 millóns de euros.
 
O número de ricos, con máis dun millón de euros en activos financeiros e inmobiliarios, viuse incrementado coa crise ata os 137.000 no Estado español. A maior parte deste crecemento pode atribuírse a individuos situados no segmento dun a cinco millóns de euros.
 
Estes 137.000 millonarios, lonxe de ver minguadas as súas fortunas e patrimonio durante a crise, víronas aumentar, como proban os patrimonios das súas sociedades de investimento, as chamadas 'sicav', que creceron nalgúns casos até un 50%; a consecuencia do favorábel tratamento fiscal do que gozan, xa que tributan ao 1%, fronte ao 16% que tributa un traballador medio, ou ao 25% ao que han de tributar as PYMEs xeradoras do 90% do emprego existente neste país.
 
Por outra banda, o 72% da fraude fiscal deste país fana as grandes empresas e as grandes fortunas; estas grandes fortunas e corporacións empresariais evadiron, o ano pasado, uns 42.710 millóns de euros en impostos.
 
A crúa realidade deixa ao descuberto que o paro e a pobreza crecen mentres as grandes fortunas e patrimonios se incrementan.
 
Ante isto non queda outra posibilidade que organizarnos para desprazar das institucións aos axentes políticos que permitiron este saqueo perpetrado polos ricos á clase traballadora. En Galicia como en Grecia, as vellas partitocracias da esgotada transición política e o réxime xurdido da IIª restauración borbónica están podrecendo. PP e PSOE son as dúas caras da mesma moeda que xestionaron para estes segmentos adiñeirados, para os de arriba.
 
Por iso este 1º de maio Nova Esquerda Galega (NEG) desexa converter esta ocasión nunha xornada reivindicativa e de loita. Como deixou escrito Bertolt Brecht, toda crise se produce cando o vello non acaba de morrer e cando o novo non acaba de nacer. O vello, o capitalismo e o PPSOE e as súas muletas lexitimadoras (UPyD, PNV, CiU...) son os responsábeis desta crítica situación. Cómpre reforzar e ampliar Alternativa Galega de Esquerda (AGE), porque senón a disxuntiva será, como indicaba Rosa Luxemburgo, a barbarie.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Lois Pérez Leira Naceu en Vigo en 1953, emigrando á Arxentina cos seus pais sendo aínda un neno. En 1990 retorno definitivamente a Galicia, especializándose en temas migratorios. Durante estes últimos anos escribiu numerosos libros sobre a emigración galega e impartiu distintas conferencias en distintos países do mundo. Nos últimos anos se dedicou ao documentalismo sendo director de 18 documentais. Na actualidade é o secretario xeral de Nova Esquerda Socialista, organización que participa do Novo Proyecto Común. Foi distinguido en numerososa oportunidades, sendo nomeado cidadán ilustre da cidade de Salvador de Bahia.