As morenas galegas, razas xeneticamente únicas en Europa e en perigo de extinción

O primeiro estudo xenómico dos bovinos autóctonos de Galicia evidencia "singularidades xenéticas propias” destas razas que as diferencian doutras.

Por Alberto Quian | Madrid | 05/11/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa son as cinco razas bovinas autóctonas incluídas pola Xunta de Galicia na lista ‘Especies e razas autóctonas en perigo de extinción’. Son as coñecidas como morenas galegas, das que agora se sabe que son “un valioso reservorio xenético” con singularidades que as diferencian doutras razas bovinas en España e Europa.

Caldelá, limiá, vianesa e frieiresa, catro das cinco razas de morenas galegas que presentan firmas xenéticas propias
Caldelá, limiá, vianesa e frieiresa, catro das cinco razas de morenas galegas que presentan firmas xenéticas propias | Fonte: MAGRAMA.

Un grupo de investigadores vén de presentar os resultados do que, din, é o primeiro estudo con ferramentas xenómicas da cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa. O seu obxectivo foi analizar a súa diversidade e relacións xenéticas con outras razas. E os resultados, afirman, “evidencian a firma xenética específica das morenas galegas”.

No estudo analizáronse un total de 106 mostras pertencentes ás cinco razas de morenas galegas, que se compararon con outras 28 razas locais propias de España, Francia, Italia e Portugal, e cinco das chamadas “cosmopolitas” (cunha distribución global en Europa).

“Os resultados evidenciaron as firmas xenéticas propias das razas limiá, frieiresa, vianesa e caldelá”, as cales están “separadas claramente das razas bovinas peninsulares, italianas e francesas”.

Aínda que as cinco razas están incluídas nun grupo racial único –as morenas galegas–, os resultados, din, “evidencian claras diferenzas xenéticas entre elas”, sendo máis notable na caldelá e na cachena. No caso da segunda, os investigadores destacan que é a única das cinco morenas galegas “situada no mesmo grupo que as razas bovinas españolas analizadas”, concretamente, emparentada coa liñaxe de negra ibérica.

Os autores destacan que “a diversidade xenética do conxunto de razas morenas galegas é intermedia ou alta, pero a frieiresa mostrou o maior valor de coeficiente de consanguinidade” (a consanguinidade pódese definir como o cruzamento entre individuos emparentados; canto maior sexa o parentesco entre dous individuos, maior será o coeficiente de consanguinidade da súa proxenie e menor será a probabilidade de que esta sexa heterocigótica). É por esta maior singularidade xenética e o reducido censo desta raza (o menor das morenas galegas) que os científicos consideran que a frieiresa “require especial atención nos próximos anos”

Da raza vianesa destacan que “presenta dúas liñaxes diferentes, unha cun compoñente evidente de frieiresa e a outra sen el”, mentres que a limiá é a que mostra o menor tamaño efectivo de poboación, parámetro que cuantifica a taxa á cal a variabilidade xenética é erosionada pola deriva xénica.

EXPLICACIÓN

A explicación a estas singularidades xenéticas das morenas galegas débese, segundo os investigadores, a factores históricos, xeográficos e produtivos. As cinco razas localízanse principalmente en zonas rurais montañosas, o cal “impediu a súa propagación a outras áreas”, din.

“Tradicionalmente, as morenas galegas criábanse en pequenas mandas de granxeiros locais e cun triplo propósito: carne, leite e traballo. A adaptación aos ambientes locais, a ausencia de programas de selección xenética e a substitución progresiva por razas comerciais máis produtivas favoreceron o seu illamento doutras razas bovinas”, explican.

Os científicos tamén consideran que “o reducido tamaño das razas morenas galegas podería xustificar que a principal forza xenética que influíu na diferenciación xenética entre elas é a deriva xénica” (a deriva xenética é un mecanismo de evolución; refírese a flutuacións aleatorias nas frecuencias dos alelos –cada unha das formas alternativas dun mesmo xene que se atopan no mesmo lugar nos cromosomas– dunha xeración á outra, debido a sucesos aleatorios, podendo causar que certos trazos pasen a ser dominantes ou desaparezan dunha poboación, sendo os efectos máis pronunciados nas poboacións pequenas).

En canto ao feito de que a cachena sexa a única das morenas galegas que se agrupa coas razas bovinas españolas, “pódese xustificar polo maior censo e os menores coeficientes de consanguinidade que presenta”, polo que se espera que “un menor efecto de deriva xenética” nesta.

Ademais, comentan, “outros bovinos situados na mesma rexión xeográfica que a raza cachena mostraron características fenotípicas similares na primeira metade do século XX, polo que posibles cruzamentos entre estes poden xustificar a súa menor diferenciación xenética con outras razas bovinas españolas”.  A isto, engaden, hai que sumar o feito de que “os gandeiros de cachena tradicionalmente seleccionaban animais con grandes cornos, fronte forte e tamaño reducido (é o formato máis pequeno de morenas galegas), ben adaptados para fins de traballo nos chans pedregosos nos que se sitúa, mentres que no resto de morenas galegas as razas non tiñan procedementos de selección tan definidos”.

CONSERVACIÓN

Os científicos lembran que desde finais do século pasado se implementaron programas para a conservación e recuperación das morenas galegas, tras a súa catalogación como razas en perigo de extinción.

Os resultados do estudo, destacan, “evidencian que estas actividades de conservación desenvolvidas foron eficientes para preservar a diversidade xenética das razas morenas galegas

A diversidade xenética dunha da raza “xoga un papel importante a curto prazo para a mellora xenética dos trazos produtivos e, a longo prazo, para fins de conservación”, subliñan os investigadores

En opinión dos autores da que, din, é a “primeira análise desenvolvida con ferramentas xenómicas nas morenas galegas”, estes resultados “son a proba do valioso reservorio xenético” destas razas. E consideran que a caracterización xenética de razas en risco de extinción é “fundamental para desenvolver plans de conservación eficientes”.

O traballo está asinado por investigadores adscritos á Universidad Alfonxo X El Sabio (Madrid), o Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidad de Oviedo, o Departamento de Produción Animal da Facultade de Veterinaria da Universidad Complutense de Madrid, VELOGEN.SL. (servizo externo de xénética na Facultade de Veterinaria da Universidad Complutense), o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, a Federación de Razas Autóctonas de Galicia-BOAGA e o Centro Tecnolóxico da Carne de Galicia.

Os resultados veñen de ser publicados na revista científica Animals.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta