Galicia supera os 1.000 mortos pola Covid tras realizar a Xunta un "novo reconto"

O Sergas anuncia 21 falecidos nun día e di que se corresponden cun "novo reconto" feito por Sanidade Pública da fin de semana.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/11/2020 | Actualizada ás 21:39

Comparte esta noticia

Galicia superou outro triste récord, e xa varios nos últimos meses. Desta volta, o de falecidos. Xa son 1.009 os mortos tras rexistrarse nas últimas 24 horas outras 21 novas vítimas mortais pola covid. Outra cifra que iguala os pasamentos hai xusto unha semana, o pasado 2 de novembro, e que tamén supuxo o segundo día con máis falecidos desde que se iniciou a pandemia. A última xornada que alcanzou estas cifras de falecidos foi o pasado 11 de abril, cando se informou de 23 mortes debido á incidencia da pandemia en Galicia.

Un paciente cun respirador nunha UCI para facer fronte ao coronavirus
Un paciente cun respirador nunha UCI para facer fronte ao coronavirus | Fonte: EFE

Segundo informa a Consellería de Sanidade, "estes falecidos corresponden tamén ao reconto de fin de semana realizado por Saúde Pública e que hoxe se actualizaron tras comprobar que faleceran por covid". Curiosamente, nos últimos días, o número de mortes facilitado pola Xunta descendera notablemente, entre nove, sete e cinco casos diarios.

O Sergas destaca que houbo falecidos en todas as áreas sanitarias, agás a de Santiago, que este luns saía da lista vermella de concellos. Así, na no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña morreron catro homes de 84, 98, 82 e 84 anos respectivamente. 

No Hula de Lugo faleceu un home de 60 anos que procedía da residencia Vivienda Comunitaria Remanso de Paz da Fonsagrada. No Chou de Ourense, unha muller de 87 anos que procedía da residencia Nosa Sra. dos Miragres de Barbadás, un home de 85 anos da residencia Os Gozos de  Pereiro de Aguiar e un home de 72 años que faleceu  na residencia Nosa Sra. dos Miragres de Barbadás. 

 

Na área sanitaria de Vigo os falecidos son oito. Unha muller e un home de 91 anos e outra de 85 que faleceron na residencia de Salvaterra de Miño. Tamén outro home de 78 que procedía deste centro faleceu no CHUVI.  Ademais, morreron unha muller de 91 anos, un home de 83 e outro de 86 e outro falecido máis do que a Xunta non informa porque "foi notificado a última hora",  polo que aínda non teñen datos de idade é sexo.

 

No CHOP de Pontevedra o falecido é un home de 68 anos e no CHUF de Ferrol son dous homes de 74 e 81 anos e dúas mulleres de 84 e 89 anos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta