O comité de Alu Ibérica na Coruña pide a Alcoa que reverta a venda polos "graves incumprimentos"

A dirección traslada o seu "firme compromiso" co mantemento do emprego.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 10/11/2020 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

O comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña remitiu un escrito dirixido ao CEO de Alcoa en España e Estados Unidos no que pide que se reverta a venda polos "graves incumprimentos" que, segundo denuncia, existen por parte do actual propietario, o Grupo Riesgo. Nel, apunta á "xestión de baleirado dos activos da planta" e denuncia "as falacias en que basea a súa xestión o Grupo Riesgo", ademais "de graves incumprimentos dos acordos do ERE e da venda das empresas de Avilés e A Coruña".

Mobilización de traballadores de Alu Ibérica
Mobilización de traballadores de Alu Ibérica | Fonte: CCOO.

Diso, responsabilizan á propia Alcoa, á que esixen "que reverta a venda das dúas plantas". En concreto, que retrotaia a operación de venda das plantas "ao seu punto orixe de 15 de xaneiro de 2019". Por outra banda, resérvase o dereito de emprender as accións legais oportunas se a multinacional "consente" esta situación.

RESPOSTA DE ALU IBÉRICA

En resposta ás súas manifestacións, a dirección de Alu Ibérica afirma que mantén vixente "o seu máis firme compromiso co mantemento do emprego, tal e como se acordou nos procesos de venda das plantas da Coruña e Avilés".

"Alu Ibérica está comprometida coa procura de horizontes de longo prazo para os seus traballadores". "Para retomar a produción de aluminio primario, haberá de contar con contratos de subministración eléctrica de polo menos cinco anos de vixencia", expuxo.

"O futuro da empresa e dos empregados non debe ir exclusivamente ligado aos subsidios públicos", engade no seu comunicado no que indica que "a transformación de Alu Ibérica para producir aluminio verde circular garante a viabilidade da compañía sen solicitar un esforzo adicional ás arcas públicas".

Mentres, os traballadores xa avanzaron que este xoves, ás 16,45 horas, secundarán unha nova concentración diante das instalacións da fábrica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta