Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2020 | Actualizada ás 17:23
Ourense capital celebra o seu festivo máis atípico en décadas pola prohibición das reunións de non convivientes, a limitación de aforamentos e o peche perimetral. Esas normativas impediron que se celebren os tradicionais magostos da cidade, pero tamén as reunións en Montealegre, punto de reunión da mocidade nesta data.
A noite previa ao patrón ourensán, San Martiño, transcorreu sen incidencias na provincia este ano condicionado polas restricións para tratar de frear a pandemia da covid-19. A pesar de que os residentes na cidade non poden saír da súa comarca, e os veciños do resto de zonas entrar na capital, a policía local valora que "a xente está concienciada", pois "non houbo altercados e nada indica que os vaia haber".
Tanto autoridades sanitarias como políticas fixeron fincapé en que este ano os magostos deben celebrarse en casa e unicamente cos convivientes. Para vixiar que se cumpra, a policía local de Ourense anunciou que ampliará o control nesta zona por "se fose necesario", así como na periferia do concello, onde tamén se adoitan realizar os magostos, para "evitar posibles aglomeracións".
A policía local subliñou que non cren que vaia haber incidencias porque "a xente está concienciada" e ademais expuxeron que as asociacións veciñais cumpriron "a machada" os protocolos estipulados e non convocaron ningunha celebración.
"CONSECUENTES" EN VERÍN E O CARBALLIÑO
Tampouco houbo que intervir nos outros concellos pechados perimetralmente. No Carballiño aseguran que o comportamento "é consecuente coa situación" e que os veciños son conscientes de que "a diminución de casos activos se debe ás restricións, non están para saltalas".
Na mesma liña manifestouse o Concello de Verín, onde tanto a policía local como a garda civil afirman que non foi necesario realizar sancións por saltarse o toque de queda esta pasada noite e, polo momento, tampouco por realizar "magostos ilegais".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.