Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2020 | Actualizada ás 10:00
A literatura galega e a literatura anglófona axudaron a comprender a perspectiva ecofeminista como resposta á situación de vulnerabilidade á que estaban sometidos os animais e as mulleres. Así o cre Arancha Rodríguez, investigadora ecofeminista, que asegura que "os homes sempre desempeñaron unha actitude de autoridade, ben por necesidade, ben por educación e tradición, que dificultou a loita polos dereitos de ambas figuras”.
Autoras da literatura galega dos anos 80, como Yolanda Castaño, Emma Pedreira, Lupe Gómez ou Olga Novo son algún exemplo deste novo ecofeminismo. Promoveron a "visibilización e a naturalización do corpo da muller" e posibilitaron que as novas autoras "poidan escribir da corporalidade e sexualidade diversa, asociándoas ao simbolismo da natureza como algo oprimido”, asegura Rodríguez en declaracións a Galicia Confidencial.
Precisamente, para afondar máis nesta temática, o seminario “Zoe: literatura, ecofeminismo e configuracións animais”, celebrado este venres, presentou unha análise ecofeminista da cultura contemporánea nas literaturas anglófonas e na literatura galega, na que se tratou de integrar á muller no ámbito da ecoloxía. "Hai unha clara relación entre a opresión que os humanos exercemos sobre os animais e a natureza e a que sofren as mulleres. E isto fai que ambas partes necesiten unha liberación", destaca Manuela Palacios, organizadora do seminario tamén en declaracións a este medio.
"PERSPECTIVA PLURAL E HETEROXÉNEA"
Este evento, no que participaron máis de 200 persoas, contou con figuras femininas de renome das tres universidades galegas así como con investigadoras e escritoras que están iniciando a súa carreira, "ofrecendo así unha perspectiva plural e heteroxénea", como afirma Arancha Rodríguez.
Manuela Palacios, que, ademais, coordina o proxecto ‘O Tropo Animal' no que analizan a relación da balea coa figura da muller na literatura galega e irlandesa en textos como Baleas e baleas (1988) de Luísa Castro; defende que o seminario "presentou os resultados obtidos da aplicación de certos principios teóricos e debates da literatura anglófona na literatura galega e para integrar ás investigadoras actuais no proxecto, creando unha retroalimentación para axudarse unhas a outras".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.