Temas: FRASEOLOXíA

“Mandar ó nabizo”, equivalente, entre moitas outras, á castelá “mandar a freír espárragos” (1ª parte)

Tamén, xunto con moitas outras, “mandar por aí (adiante)” e “mandar a muxir as pitas”. O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 23/11/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Naqueles casos en que unha persoa quere despedir a alguén ou desfacerse del –ou ben rexeitar ou mostrar desacordo con el ou con algo que acaba de facer ou dicir– e non está alá polo labor de ser nin moi sutil nin moi afable ou amigable, en castelán non é raro escoitar, alén doutras expresións, a de vete a freír espárragos.

Pita Piñeira
Pita Piñeira | Fonte: campogalego.com

En galego non mandamos a ninguén a fritir, ou frixir, espárragos (cando menos, a nós non nos consta esa expresión), pero si que contamos tamén cunha morea de xeitos de dicir que se usan neses mesmos contextos. De feito, tanto é así que este artigo ímolo dividir nun par de entregas, a fin de facer máis asimilable o seu extenso contido.

Comezamos, pois, coa primeira delas.

Mandar a alguien a freír espárragos # a freír buñuelos # a freír monas # a freír churros # a hacer gárgaras

{= Expresións que se empregan para despedir ou desfacerse de alguén, ou ben para rexeitar ou mostrar desacordo con el ou con algo que acaba de facer ou dicir, dun xeito un tanto acedo e áspero.}

Mandar por aí (adiante)

Mandar a dar unha volta (por aí [adiante])

Mandar a muxir as pitas # as galiñas

Mandar a tocar o pendín

Mandar a capar o grilo

Mandar a rozar o toxo

Mandar a esfolar canas

Mandar a fender vimbias

Mandar a sementar fabas

Mandar a tocar o zoco # a zoca

Mandar a ver se chove (aí fóra) # a mirar se chove (aí fóra)

Mandar a pastar # a sachar # a murar # a regar # a rezar # a arrolar # a durmir # a durmila

Mandar para a cacha da cinsa

Ex.: Si se te pone muy pesado mándalo a freír espárragos.

Se se che pon moi pesado mándao por aí adiante a dar unha volta a dar unha volta por aí a dar unha volta por aí adiante a muxir as pitas a tocar o pendín á leña a capar o grilo a rozar o toxo a esfolar canas a fender vimbias a sementar fabas a tocar o zoco a mirar se chove a pastar a sachar a murar a regar a rezar a arrolar a durmir a durmila para a cacha da cinsa.

● Tamén:

Mandar al cuerno # a la porra # al rollo

Mandar ó nabo # ó nabizo # á leña # á arola # ás arolas # á mosca # á búcera && Mandar a mexar e á cama && Mandar a tocar o violo # a tocar o violo a outra parte # a tocarlle o violo a outro && Mandar a tocar a zanfona # a viola # o nabo # o nabizo # o sacho && Mandar a alguén con barrabancas

Ex.: Se se che pon moi pesado mándao ó nabo ó nabizo á leña á(s) arola(s) á mosca á búcera a mexar e á cama a tocar o violo # a tocar a zanfona # a tocar o sacho # con barrabancas.

● E mais tamén:

Mandar a tomar viento

Mandar a tomar o aire # a catar o fresco # a tomar o fresco # a tomar vento && Mandar a ver de onde vén o vento # a ver de que lado vén o vento

● Tamén:

Mandar a paseo

Mandar á leria # á boria && Mandar a pasear # a paseo # a dar un paseo && Mandar ó vión

● Tamén:

Mandar a buscar berros # a escardar cebollinos # a espulgar un galgo # a cazar gamusinos

Mandar a capar grilos # a coller arolas # a botarlles auga ós pitos # a tornar a auga # a levar o carneiro ó monte # a buscar a pedra de afiar as agullas # a rezar pola bula vella (, que a nova inda non veu) # a tronar (, que fai falta auga) # a pastar polas silveiras # a rezar a salve mariñeira # a rezar a outro santo # a tirar dun carro && Mandar a escachar pedras # a tirar pedras a un río # a deitarse nun lameiro # a recachar as mazarocas # a sachar as/nas patacas # a por herba para a bicicleta # a tocar á lonxa # a ver o castrón ó monte # a darlle cornadas ó tren # a darlle couces ó tren # a darlle patadas no cu ó tren # a dar o/un baño # a contar alfinetes # a ver se a gata ten un ovo # a plantar amieiros coa frouma para arriba && Mandar a soprar o lume # a apagar o lume # a matar o lume && Mandar a onde foi a nai de Roque # a xogar a Testos

NOTAS:

1. Antes de nada –e este é un comentario que resulta válido para cada unha das entregas da presente sección fraseolóxica– cómpre dicir que o feito de que moitos artigos estean secuenciados ou divididos en distintos bloques de secuencias expresivas (introducidos todos eles polo símbolo “”) responde unicamente á intención de facer que tanto visual coma pedagoxicamente a información que se reflicte poida ser máis facilmente asimilada polo lector, na medida en que tentamos recoller nun mesmo bloque expresións de castelán e galego que poidan compartir certas similitudes ou afinidades.

Non obstante, debe quedar moi claro que esta distribución en absoluto quere dicir que non haxa unha estreita conexión entre as expresións dos diversos bloques nin que en moitos casos non se poidan empregar indistintamente.

2. É ben salientar que as frases preposicionais por aí e por aí adiante se poden engadir –ou, en ocasións, mesmo intercalar– en moitas das expresións que se reflicten no presente artigo (tanto nesta primeira parte coma na da seguinte entrega). Exs.: vai por aí (adiante) sementar fabas; mandouno a coller arolas por aí adiante; vai rañala por aí; mándao a tocar o violo por aí (adiante); etc.

3. Tal e como xa comentabamos no artigo de “bater o zoco” ou “darlles sebo ás canelas”, a voz pendín só a atopamos rexistrada (xa nalgún caso no séc. XIX, e sen prexuízo de que, se cadra, se poida tratar dunha deturpación da voz castelá pendil) na locución tocar o pendín.

Obsérvese, ademais, a relación semántica que se establece entre as expresións mandar por aí (adiante), mandar a dar unha volta (por aí # por aí adiante), mandar a tocar o pendín e mandar a tocar o zoco # a zoca, no senso de que en todas elas se lle di á persoa da que nos queremos desfacer, ou coa que queremos mostrar desacordo, que marche de onda nós, que arríe en banda, que bata o zoco.

4. A voz búcera tamén se rexistra coas variantes búlzara e búzara (esta última é definida por Cuveiro Piñol, no seu Diccionario Gallego de 1876, como “Cosa despreciable”, ou pola Real Academia Galega, no seu Diccionario gallego-castellano de 1913-1928, como “Cosa despreciable, cosa sucia”).

5. A palabra barrabancas, malia que a grafamos en minúscula, é posible que sexa unha deturpación ou derivación do antropónimo Barrabás.

6. Polo que atangue ó vocábulo vión, Elixio Rivas Quintas defínea do seguinte xeito: «Clase de junco muy grueso y alto, que crece en la Limia en lo que era laguna; hoy crece en los canales (Fondo de Vila). Es común en los lugares vecinos de la vega de Antela, mandar a uno ó vión (vete a paseo)».

7. A expresión mandar a xogar a Testos é de ámbito moi localizado (concretamente, na Illa de Arousa) e fai referencia a un microtopónimo que designa o “lugar ao que tradicionalmente ían os rapaces a xogar ao fútbol”.

8. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Carré Alvarellos, Leandro: Diccionario galego-castelán. De entre 1928 e 1931. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Castro Otero, Salvador et alii: “Botando unhas liñas no mar do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 127-150. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cuns Lousa, Xulio: “Rabusco”. En Anuario Brigantino, 12, 1989, páxs. 259-287.

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Gondar Portasany, Marcial: “A hermenéutica cultural como ferramenta para a fraseoloxía. O caso dos ‘dicta’ populares sobre o paseo e a paisaxe”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 10, 2008, páxs. 129-161. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Graña Núñez, Xosé: Vacilacións, interferencias e outros “pecados” da lingua galega. Ir Indo Edicións, Vigo, 1993.

- Guerra Otero, Pilar: Así falan en Trasar (1 e 2). Obra á que se pode acceder, a través da internet, nos enderezos seguintes:

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1296813709/contido/Galego/exercicios/pilar11.html

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1296813709/contido/Galego/exercicios/pilar2.htm

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez Blanco, Xulián & Veiga Alonso, Serxio: “Fraseoloxía galega de peixes e outros animais mariños”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 155-173. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina):

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

- VV.AA.: Expresións galegas. Escolma. Obra actualmente non dispoñible e á que no seu día se accedeu, a través de Internet, no url seguinte: http://xatevexo.blogspot.com/2007/07/expresions-galegas.html

- VV.AA.: Unha maré de palabras (Contribución ao léxico do Morrazo). Xunta de Galicia–Museo Massó, 2005.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta