Polémica tras insinuar o conselleiro do Medio Rural que funcionarios cobran "comisións"

"Conselleiro se vostede ten coñecemento de que algún funcionario, cobrou por facer un permiso, e non actuou vostede é cómplice!", espétanlle os axentes forestais tras un comentario en Tuiter.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/11/2020 | Actualizada ás 15:06

Comparte esta noticia

Polémica na rede social Tuiter a conta dun comentario do conselleiro de Medio Rural, José González, que insinuou que, a partir de agora, non se vai poder cobrar "comisións a ninguén" por facer trámites administrativos. Un comentario que puxo ao fío das críticas de Axentes Forestais das novas esixencias telemáticas para pedir permisos no aproveitamento forestal.

O conselleiro do Medio Rural, José González, en rolda de prensa. XOÁN CRESPO
O conselleiro do Medio Rural, José González, en rolda de prensa. XOÁN CRESPO | Fonte: XUNTA

"@FeijooGalicia,  pidolle que impoña coherencia, e axude os seus veciños dos peares e de Galicia, vostede imaxine o que supón a Unha persoa de 80 anos Ter que solicitar para poder cortar unha arbore pa quentarse no inverno, Ter que facelo de xeito telemático.#AsiNon", publicaron na súa conta de @AxentesGZ os profesionais forestais.

Pouco depois contestoulles o conselleiro. "Como ben sabedes, ademais de poder facer o trámite no navegador do móvil, tamén se vai permitir facer o trámite vía chamada telefónica ao 012. O que non se vai poder é cobrar comisión a ninguén por facerlle os trámites". Unhas insinuacións que fixeron saltar as alarmas dos técnicos forestais que lle espetaron: "Conselleiro se vostede ten coñecemento de que algún funcionario, cobrou por facer un permiso, e non actuou vostede é cómplice! Non pode tirar a pedra e esconder a man".

A contestación aínda acendeu máis ao titular de Medio Rural que retrucou: "Expediente e denuncia se hai probas. Por certo, o mesmiño vos digo a vós, se tedes coñecemento e non actuades". "Pois nos non temos coñecemento. En cambio vostede replica moito. Será por algo. Equivocase de camiño. Mellor rectificar a tempo. Grazas de anteman", contestaron os axentes. Finalmente, o conselleiro insistiu: "Non, non. Equivocádesvos vós de camiño empezando unha batalla contra a Consellería. Mellor rectificar a tempo".

 

 

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta