Unha testemuña do xuízo por trata de mulleres asegura que exercía a prostitución "libremente"

A muller negou que os acusados controlasen a súa actividade e afirmou que lles abonaba o aluguer e unha cantidade "por agradecemento".

Por E.P. | A Coruña | 26/11/2020 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

Unha testemuña do xuízo por trata de mulleres que se celebra na sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña contra seis persoas ás que se acusa de obrigar a mulleres a prostituírse declarou que tanto ela como outras que convivían con algúns dos procesados exercían "libremente".

Prostíbulo
Prostíbulo | Fonte: taringa.net

A preguntas da defensa, a muller mantivo que tanto ela como algunha outra que convivía con eles tiñan "liberdade" para exercer a prostitución. Relatou como dous dos investigados lle axudaron a escapar dun club de Cartaxena onde non estaba de acordo "coas condicións" e como, unha vez establecida con eles, ela e outras compañeiras pagábanlles o aluguer e abonábanlles "por agradecemento" unha cantidade de diñeiro voluntaria por porlles anuncios por palabras para ofrecer os seus servizos.

A testemuña afirmou coincidir con outras mulleres e dixo que todas exercían "libremente" a prostitución. A preguntas da defensa, engadiu que saían de festa ou de compras cando querían, sen verse retidas no domicilio.

No xuízo tamén declarou o propietario dun aloxamento hoteleiro en Madrid que admitiu que recollía mulleres venezolanas do aeroporto e trasladábaas a estacións de trens por encargo dos acusados. O home asegurou que eran conscientes de que viñan exercer a prostitución e engadiu que os procesados eran os que abonaban o custo do servizo.

En total, a testemuña afirmou que fixo estas xestións para ao redor de "doce" mulleres de nacionalidade venezolana. A preguntas do fiscal, comentou que un dos acusados ofreceulle sexo cunha dela, aínda que apostilou que, segundo el, era "en plan broma".

Outra testemuña explicou como en 2018 lle prestou a unha prostituta 3.500 euros para que llos abonase aos acusados en concepto unha débeda". O home negou que estivese retida ou que non tivese a súa documentación, pero si expuxo que a muller quería pagar o diñeiro porque "non quería ter problemas con esa xente".

"Díxome que ía pagar porque llo prestaron para a viaxe", relatou a testemuña no xuízo, asegurando que ouviu falar de que ía chegar a España outra amiga de República Dominicana para traballar "voluntariamente" na prostitución.

PENAS

Na primeira sesión do xuízo, o pasado mes de outubro, os seis acusados de obrigar a mulleres a prostituírse en distintos pisos de cidades españolas, entre elas galegas, negaron os feitos e alegaron que a exercían libremente. Os feitos remóntanse a 2017 e polos mesmos desenvolveuse un operativo que culminou, en 2019, con rexistros en cidades como Ferrol, Pontevedra, Almería, Granada e Alacante.

No seu escrito de cualificación, a Fiscalía sostén que os seis organizaban a chegada a España de mulleres de nacionalidade venezolana desde o seu país, incumprindo, para iso, as normas de estranxeiría de acceso ao territorio estatl, con ánimo de que permanecesen en España exercendo a prostitución.

A acusación pública esixe para eles penas que suman entre os 15 e os 84 anos de cárcere polos delitos de trata de seres humanos, inmigración ilegal e contra a saúde pública. As defensas, pola súa banda, piden a absolución, mentres que a acusación particular, exercida en representación dunha das mulleres presuntamente obrigadas a prostituírse, reclama unha condena, pero exclúe, no seu caso, o delito contra a saúde pública.

Nunha das sesións do xuízo, unha testemuña declarou que prestaba os servizos baixo ameazas e durante unhas 20 horas ao día. "Dicíanme que ían descontando a débeda --polo seu desprazamento a España e os gastos que lle cobraban, expuxo--, pero nunca terminabas de pagar", relatou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta