Por E.P. | Santiago de Compostela | 26/11/2020 | Actualizada ás 16:35
A presentación dos informes que fan seguimento da violencia machista en Galicia na Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento serviu para que tanto a Secretaría Xeral de Igualdade, que dirixe Susana López Abella, como os grupos parlamentarios reflexionen acerca das mensaxes en publicidade e medios de comunicación como un punto a 'atacar' para contribuír a erradicar os comportamentos machistas.
Así, e no transcurso dun debate en ton conciliador por parte de todas as mulleres que interviñeron, Susana López Abella expuxo a posibilidade de "darlle unha volta" ao Observatorio Galego de Violencia de Xénero, que ten como principal obxectivo velar pola eliminación do sexismo nas mensaxes publicitarias e pola incorporación de mensaxes positivas que contribúan a erradicar todo tipo de discriminación por razón de xénero.
"Debemos de ser máis proactivas, ademais de analizar as queixas, facer estudos", concordou Susana López Abella, nunha intervención na que advertiu do papel clave dos concellos e dos centros de saúde como primeiro elo na detección de moitos dos casos desta violencia.
O observatorio analiza as queixas que lle chegan pero a idea sería ir máis aló, mesmo coa elaboración de informes. Neste sentido, a deputada socialista Noa Díaz fíxose eco dunha iniciativa de impulso popular próxima á súa presentación na Cámara por parte da asociación Xornalistas Galegas que, precisamente, pide contundencia á hora de vixiar as mensaxes e o tratamento da violencia machista nas informacións.
Nesta liña, a deputada nacionalista Olalla Rodil tamén apelou ao movemento feminista, que vén falando de que as campañas institucionais "non só se dirixan ás mulleres", senón que poñan "o foco" nos maltratadores. Ademais, tamén animou á Xunta a "traballar cos medios de comunicación" o tratamento informativo e que se incorpore ao observatorio un "seguimento e control proactivo" encamiñado tamén a "sacar as cores" aos que caian nunha mensaxe sexista.
LEI DE TRATA
Por outro lado, López Abella pediu unha lei orgánica da trata, comprometida e xa demanda polo Parlamento de Galicia en 2004 cando ela era deputada nun relatorio na que tamén traballaron a actual portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a exsecretaria de Estado de Igualdade Laura Seara. Así, incidiu en que non pode seguir "a alegalidade".
Tamén a parlamentaria popular Paula Prado apremou, pola súa banda, ao Goberno central a que acometa as reformas lexislativas pendentes, como a ampliación da consideración de vítimas de violencia machista e a lexislación sobre a trata de persoas.
Prado lamentou que "dous anos" despois do Pacto de Estado contra a violencia machista non estea implementado na súa gran parte e lembrou que, en canto se inicie o próximo período de sesións, o Parlamento de Galicia abordará o "pacto galego" no seo da comisión parlamentaria que xa concluíu os traballos na lexislatura anterior e que ten pendente o acordo sobre o documento conxunto final.
Sobre a trata de persoas, Rodil considerou que "hai que ir máis aló" e, aínda que eloxiou a actividade de todas as entidades sociais que asisten ás mulleres vítimas da explotación sexual con programas "marabillosos" que ela mesma coñeceu de primeira man, sostivo que habería que articular "un novo sistema de intervención".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.