Por E.P. | Santiago de Compostela | 28/11/2020 | Actualizada ás 12:41
Unha das áreas de Galicia que preocupan ás autoridades sanitarias en relación á evolución da covid-19 é a do Salnés, onde, a pesar das medidas restritivas impostas en boa parte dos seus municipios, non melloraron os indicadores.
En concreto, o informe dos expertos apunta a que "os datos seguen sen mellorar" nesta área, o que "indica que o gromo aínda non está controlado", tal e como recolle a orde de medidas publicada a última hora deste venres no DOG para incluír nas restricións da zona a Meaño, Meis e Ribadumia.
En particular, alertan de que "case todos os indicadores de risco da comarca mostran criterios con valores de alto risco", como a incidencia acumulada a tres días, o número e pacientes que ingresan en unidades de hospitalización ou a porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos dun caso confirmado".
Meis ten unha taxa acumulada a 14 días de 521,8 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que Meaño e Ribadumia están en 493,2 e 316,7 casos cada unha, respectivamente.
Paralelamente, "a transmisión séguese mantendo", cun índice de reprodución por encima de 1 e a xente nova mantense como o grupo no que "se recollen as taxas máis altas" de contaxios.
CEE, DUMBRÍA E MUXÍA
A outra área que se incorpora aos peches perimetrales é a de Cee, Dumbría e Muxía, na Costa da Morte, onde os expertos sanitarios ven tamén indicios de preocupación. O principal foco nesta área é Muxía, recolle o DOG, cunha taxa acumulada a 14 días de 751,6 casos por cada 100.000 habitantes. En Dumbría, pola súa banda, hai unha taxa de 704 casos por 100.000 habitantes a 14 días e en Cee é de 238,5.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.