Animalistas denuncian a difusión de vídeos de cans que atacan "brutalmente" a vacas e porcos

"Son gravados coa intención de promocionar o sufrimento dos animais, coma se dun espectáculo se tratase", lamentan.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2020 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

A asociación animalista Libera e a coalición Familias polo Respecto Animal (FARE) denuncian a gravación e difusión de vídeos sobre "crueis ensañamentos" de cans adestrados para atacar "brutalmente" a vacas e porcos en dúas localizacións que se poderían situar, segundo estiman ambos os colectivos, entre as provincias de Ourense e Zamora.

A través dun comunicado, as dúas organizacións explican que nun dos vídeos, difundidos por 'WhatsApp', hai unha vaca atada e atacada por polo menos tres cans, o que "provoca un inmenso sufrimento ao animal", que o exterioriza con "muxidos constantes".

A segunda das gravacións compartidas reflicte o ataque dun can a un porco mentres un home grita 'agarra, que se marcha', entre outras frases cun "marcado acento" que "convida a pensar que os individuos habitan en Galicia", aseguran os animalistas.

Tanto FARE como Libera apelan á colaboración cidadá para identificar e localizar os promotores destas "pseudopelexas que son gravadas coa intencionalidade de promocionar o sufrimento dos animais, coma se dun espectáculo se tratase".

De forma paralela, ambos os colectivos trasladarán os vídeos ás autoridades, co que solicitarán aos Axentes Medioambientais da Xunta a apertura dunha investigación, posto que os responsables "poden ser acusados dun delito de malos tratos animais", penado con ata 18 meses de prisión e a posibilidade de ser inhabilitados para a tenencia, comercio ou profesión relacionada por un máximo de tres anos.

Ademais, pola vía administrativa, a lei galega de benestar animal contempla sancións de ata 30.000 euros e inhabilitacións especiais de ata 10 anos.

Captura dun vídeo denunciado por asociacións animalistas no que un can ataca a un porco.. LIBERA E FAMILIAS POLO RESPECTO ANIMAL
Captura dun vídeo denunciado por asociacións animalistas no que un can ataca a un porco.. LIBERA E FAMILIAS POLO RESPECTO ANIMAL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta