Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2020 | Actualizada ás 10:53
O Sindicato Labrego Galego (SLG) denuncia "opacidade" da Xunta nas decisións sobre a praga da pataca. Critica que se descoñece que datos motivan a apertura nuns municipios e o mantemento do peche noutros.
Sobre o recente levantamento da prohibición de plantar pataca nalgúns municipios da Mariña, o Sindicato Labrego lamenta que esta decisión "seguiu o mesmo procedemento que o da súa imposición e a súa prórroga durante este catro anos pasados: a opacidade".
Tamén di descoñecer por que se emprega o límite municipal fronte ao parroquial á hora de abrir e pechar territorios, xa que denuncia a "inexistencia dunha fonte transparente de datos sobre as capturas" da couza guatemalteca.
E é que reproba que a Consellería de Medio Rural non incluíu as organizacións agrarias "nin no deseño da estratexia nin no seu seguimento", mentres "tampouco foron incluídas as explotacións que se dedican profesionalmente á produción de pataca". Ademais, quéixase de decatarse polos medios dos últimos levantamentos sen "ningunha información oficial".
Por todo iso, o SLG pide a Medio Rural que publique os datos da mostraxe de 2020 que xustifican o mantemento do peche na maioría de concellos da Mariña, á vez que demanda unha maior "cooperación e transparencia" en beneficio do agro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.