Por Emilio Martinez | Santiago | 14/12/2020
Nos seus case 50 anos como director, dende “Esa parella feliz”, de 1951, codirixida con Juan Antonio Bardem ata “París-Tombuctú”, a súa última película de 1999 Berlanga deixounos unha man chea de longametraxes que son á vez obras de arte e unha verdadeira disección de España, da súa sociedade, nos anos 50, 60 e 70. Títulos como “Os xoves, milagro”, de 1957, “Plácido”, de 1961, “O verdugo”, 1963, “A escopeta nacional”, 1978, ou “Todos á cadea”, de 1993, son imprescindibles, non so para calquera amante do cine, senón tamén para calquera interesado na historia social (e politica) deste país. No seu momento moitas desas películas lograron o recoñecemento internacional, en Venecia, en Cannes, en Mar del Plata, sin dúbida moi merecidos. Hoxe esas mesmas películas seguen a merecer que se lles preste atención.
De toda a filmografía de Berlanga unha das miñas preferidas foi sempre “Bienvenido, Mister Marshall”, rodada en 1953. As case sete décadas transcurridas apenas teñen feito mella nesta comedia, drama e tamén traxedia (que ten de todo un pouco), na que se nos narran as peripecias dos habitantes de Villar del Río ante a visita dunha delegación estadounidense que colmaría tódolos desexos dos habitantes da vila.
Estes días volto a pensar na película. Veñen á miña cabeza escenas como a visita do delegado ao alcalde (impresionante Jose Isbert), as colas para anotar as peticións, os preparativos do pobo para a visita, a actitude solemne do fidalgo vido a menos, o paseo polo pobo de Lolita Sevilla, acompañada de toda a xente do lugar, interpretando a “Coplilla das divisas”, de cuxa letra saco o título desta colaboración... a película esta chea de momentos maxistrais.
Volto a pensar en “Bienvenido, Mister Marshall” non porque me teña posto a revisar os clásicos do cine español. Penso nela, simplemente, porque cada día ao abrir o xornal ou cando escoito a radio, políticos, economistas ou comentaristas, mencionan os fondos europeos do Plan Next Generation EU, ese maná que caerá dende Bruselas e co que semella vanse resolver todos os males do país. Os paralelismos resúltanme evidentes.
A verdade é que as cifras de Next Generation dan algo de mareo. Do monto global, 750.000 mil millóns, 140.000 millóns de euros están destinados a España, deles 72.000 millóns en forma de transferencias e o resto en créditos a longo prazo, fondos que son a base do denominado Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que o Goberno do Estado ten presentando hai algunhas semanas e que será financiado polos dous instrumentos deseñados pola UE: o Mecanismo para a Recuperación e a Resiliencia e os fondos REACT-EU.
O Plan dado a coñecer é un resumo de tarefas pendentes. Algunhas delas dende hai moitos anos. Un non pode menos que preguntarse si era necesaria unha pandemia para reparar que este país sufre de problemas estructurais de extrema gravidade que poñen en cuestión o seu futuro. O plan descomponse en 10 programas sobre os que se priorizan as intervencións. Repasando algúns dos encabezados o que chama a atención é que non foran abordados, coa intensidade que requiren, xa hai anos: “Unha administración para o século XXI”; “Pacto pola Ciencia e a Innovación”; “Educación e coñecemento, formación continua e desenvolvemento de capacidades” ou “Modernización do sistema fiscal para un crecemento inclusivo e sostible”... a pregunta é: pero que estivemos facendo nos últimos 20 anos co inxente fluxo de fondos europeos que España ten recibido?.
Dende a adhesión de España á Comunidade Económica Europea, alá por 1986, temos sido receptores dos fondos de cohesión, dos fondos de desenvolvemento rexional, ou dos fondos sociais, por citar exemplos das fontes de financiación mais importantes. É indudable que esa financiación ten xogado un papel importante na modernización do país, de forma destacable no referente ás infraestructuras, pero é evidente, desgraciadamente, que moitos deses fondos tiveron un destino cuestionable, priorizándose a compra de vontades sobre a solucción de problemas, cando non destinados ao mero despilfarro en obras innecesarias, inútiles, moitas delas abandonadas apenas inauguradas ou antes sequera de ser rematadas (aeroportos sen avións, estradas sen uso... ).
Next Generation EU, o Plan de Recuperación, é unha oportunidade. Pero lembremos que non é a primeira. Os fondos son cuantiosos, pero menos que as necesidades.
Estes días asistimos a verdadeiras competicións para ver quen chega antes, para ver quen presenta o plan máis rimbombante. Deles coñecemos, as mais das veces, só ideas sen apenas desenvolver, sen estudios económicos e menos ainda avaliacións de sostenibilidade. A competición dende os diversos sectores económicos, dende os diversos poderes políticos territoriais non se fará agardar. Unha vez máis, mal irán as cousas si o que se impón sobre os obxectivos do Plan de Recuperación (transformación de estructuras e xeración de capacidades para afrontar os novos retos económicos e sociais) son os intereses cortaplacistas e de rédito político inmediato.
Convertir en realidade as oportunidades que Next Generation brinda esixe antepoñer o medio e longo prazo sobre o corto, antepoñer os intereses de país sobre os intereses de partido, esixe dirección política firme para aguantar as presións, esixe conformar consensos... E todo iso imos ter que aprendelo sobre a marcha. A experiencia non é moita. Ou simplemente será outra oportunidade: outra oportunidade perdida.