Así será o millonario plan da UE para loitar contra o despoboamento do que se beneficiará Galicia

O Parlamento e o Consello definiron por primeira vez que é un territorio despoboado dentro da Unión Europea e acordan novos fondos FEDER para axudar a estas zonas. Lugo e Ourense serían territorios priotirarios e o interior de Pontevedra e A Coruña tamén poderán beneficiarse deste novo plan de investimento europeo.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 09/12/2020 | Actualizada ás 22:10

Comparte esta noticia

A Unión Europea, no marco das negociacións dos fondos estruturais 2021-2027 e da loita contra os retos que supón o desafío demográfico, acaba de definir por primeira vez o que é un territorio en risco de despoboamento e cales deses territorios deben ter un tratamento prioritario nos fondos FEDER para o período 2021-2027. 

Panorámica da aldea de Naraído, a douscentos metros dos terreos nos que se proxecta a canteira
Panorámica da aldea de Naraído, a douscentos metros dos terreos nos que se proxecta a canteira

Ata o de agora só a Laponia escandinava gozaba dalgún recoñecemento para o acceso aos fondos da UE relativos ao despoboamento. Pero, a partir de agora, as provincias e, no seu caso, os concellos cunha densidade de poboación inferior a 12,5 habitantes por km2 ou un descenso de poboación do 1% entre 2007-2017 deberían ser obxecto de plans de investimento prioritarios dos fondos FEDER 2021-2027. Uns fondos que deberían chegar a Galicia, principalmente, ás provincias de Lugo e Ourense, máis castigadas polo envellecemento e o despoboamento, pero tamén ao interior das de Pontevedra e A Coruña.

O peso demográfico de Galicia en España non deixou de minguar nos últimos cen anos: do 10,6% da poboación total no Estado a principios do século XX, pasou a un 9,2% en 1950, un 6,9% hai dúas décadas e un 5,8% na actualidade. 

Un estudo da Universidade de Vigo destaca que 120 municipios (un 38,1% do total), esencialmente das provincias de Lugo e Ourense, pero tamén das áreas máis desfavorecidas da Coruña e Pontevedra, perderon máis do 20 por cento da súa poboación entre 2000 e 2015. Se se pon o valor referencia nos menores de 20 anos, aparecen seis municipios na Coruña, cinco en Pontevedra, 40 en Lugo e 72 en Ourense, que non chegan ao 10 por cento de efectivos.

“ZONAS RURAIS E CON DEFICIENCIAS DEMOGRÁFICAS”

Tras as novas negociacións, o regulamento FEDER considerará o descenso demográfico como unha desvantaxe, e non só a densidade demográfica, no nivel NUTS 3 (provincia en España). "O FEDER debe abordar os problemas das zonas desfavorecidas, en particular das zonas rurais e das zonas que sofren deficiencias demográficas ou naturais graves e permanentes, incluído o declive demográfico, para acceder aos servizos básicos, incluídos os servizos dixitais, aumentando o atractivo para o investimento, incluso a través de investimentos empresariais e conectividade aos grandes mercadoS”, recolle o texto.

Aldea dos Pretos, en Vilalba
Aldea dos Pretos, en Vilalba | Fonte: Eliseo Trigo. EFE.

A definición da área afectada polo desafío demográfico ten como obxectivo orientar os investimentos de fondos europeos cara a aqueles territorios do nivel provincial máis afectados en toda Europa. Non obstante, nada impide que se apoie, a través de ningún fondo ou programa de axuda europeo, a todos aqueles outros territorios que, por fortuna, aínda non alcanzaron estas taxas extremas de baixa densidade e continuo descenso de poboación.  

ACORDO HISTÓRICO

É a primeira vez que a UE recoñece á provincia como un nivel adecuado para identificar e aplicar políticas fronte ao desafío demográfico financiado con fondos europeos.  Esta definición acaban de acordala algúns eurodeputados negociadores do Parlamento Europeo  e do Consello da UE (gobernos), que serán formalmente acordadas por ambas as partes nas próximas semanas antes da súa entrada vigor.     

É o resultado de catro anos de traballo. As propostas finalmente acordadas foron elaboradas e defendidas polo Consello de Municipios e Rexións de Europa (CMRE), o máximo órgano municipal europeo que conseguiu que o Comité das Rexións e o Parlamento as aprobasen.  

Para iso foi fundamental a actuación de Carlos Martínez, alcalde de Soria, como representante da FEMP no Consello de Municipios e Rexións de Europa (CMRE) , dos presidentes das deputacións de Ourense, José Manuel Baltar, e Castellón en CEPLI e Partenalia. 

Neste sentido, cómpre destacar a contribución fundamental dos eurodeputados populares Ramón Luís Valcárcel e a socialista Iratxe García en 2019. Ese traballo foi recollido pola eurodeputada de Ciudadanos Susana Solís que conseguiu agora levar a bo porto as negociacións entre o Parlamento, a Comisión e os ministerios.   

“TERRITORIOS PRIORITARIOS”

Serafín Pazos, columnista de GC foi o responsable deste traballo a nivel técnico. En declaracións ao Galicia Confidencial destaca a importancia do acordo pola dificultade de sacalo adiante.  “Ata o de agora a UE pedía que os Estados adicasen parte dos fondos a loitar contra o reto demográfico pero  non dicía como nin cales son os territorios prioritarios”, apunta. 

“O reto demográfico é un problema de todos e que esixe a colaboración de todas as forzas políticas a nivel local, provincial, autonómico, estatal e europeo”, suliña ao tempo que destaca que este acordo marca o camiño para que o goberno central e as autonomías prioricen territorios coma o interior de Galicia na distribución e xestión dos fondos FEDER.  

PLAN DE RECUPERACIÓN

De feito, os criterios son perfectamente válidos para aplicar á distribución de fondos do Plan de recuperación da UE (Plan España Puede). De feito, o Secretario Xeral do Reto Demográfico do Goberno español anunciou que se destinarán 2.500 millóns do chamado Plan de recuperación para este propósito.  “Precisamente estamos a colaborar coa iniciativa da Deputación de Zamora que está a preparar unha serie de propostas con técnicos de moitas Deputacións coma as de A Coruña e Ourense, para o mellor uso destes fondos para o período 2021-2027”, apunta Serafín Pazos.

Non obstante, o propio presidente do Goberno, Pedro Sánchez, indicou, de acordo coa Comisión Europea, que os plans estatais son necesarios para evitar a fragmentación de fondos en moitos pequenos programas locais.  

“EXCEPTICISMO” E TEMOR A IRREGULARIDADES

Con todo, existe “un forte excepticismo” entre funcionarios estatais e europeos a que este novo acordo se incorpore á lexislación europea. “Lóxico, dado que non sempre os fondos europeos se teñen usado do mellor xeito”, apunta a este respecto Serafín Pazops. Así, recoñece que hai temor en Bruxelas a que agora sexan estes fondos, como seu día foron os Fondos de Cohesión e os Fondos da Política Agraria Común, os que se convertan nun pozo sen fondo. “Pero se se usa ben, esta nova definición pode cambiar totalmente o xeito de como se priorizan os investimentos da UE”, indica.

España é o estado da Unión Europea onde máis "irregularidades" se detectan no uso de fondos europeos de cohesión e agrarios. Segundo o último informe da oficina anticorrupción da UE, a OLAF, o estado español rexistrou entre o 2014 e o 2018 case 11.000 casos de anomalías "fraudulentas" e doutros tipos relacionadas co financiamento europeo. Unha cifra que contrasta significativamente co número de deteccións no resto de países da UE. Por exemplo, o segundo estado onde máis casos se rexistraron foi, Polonia, coa metade que os de España. 

Con respecto ás investigacións levadas a cabo pola mesma OLAF nestes cinco anos, esta só pechou sete expedientes no estado español. Pola contra, Rumania e Hungría encabezan a lista de países que recibiron máis toques de alerta de Bruxelas por irregularidades no uso de fondo europeos de cohesión e agricultura con máis 50 investigacións pechadas cada un.

No conxunto do bloque europeo detectáronse entre o 2014 e o 2018 máis de 50.000 irregularidades e a OLAF investigou 277 casos que acabaron con recomendacións nos estados membros afectados. A oficina europea de anticorrupción indicou que grazas ás 167 investigacións que pechou na UE só este 2018 puido recuperar 371 millóns de euros do orzamento comunitario en casos de uso fraudulento de fondo europeos.

O proxecto 'Eramos Poucos' aborda o despoboamento na Montaña de Lugo
O proxecto 'Eramos Poucos' aborda o despoboamento na Montaña de Lugo | Fonte: Eramos Poucos
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Bueno, xa temos cartos para botar a andar... https://i.gal/gam25