'Gromo', 'máscara', 'pandemia'... xa podes votar cal foi a palabra estrela deste 2020

A votación telemática permanecerá aberta ata as 23,59 horas do 25 de decembro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2020 | Actualizada ás 12:06

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié abriron a fase de votación popular telemática que decidirá cal deste seis será a Palabra do Ano 2020: 'gromo', 'máscara', 'nós', 'pandemia', 'seteiro' ou 'vacina'.

Nun comunicado, a institución explicou que os seguidores do Portal das Palabras poderán escoller ata as 23,59 horas do 25 de decembro entre os termos que resultaron finalistas na primeira fase de recollida de suxestións, na que participaron máis de 5.500 persoas. A RAG destaca que, como era de esperar, moitas das propostas recibidas teñen que ver coa situación sanitaria que se rexistra a nivel mundial debido á propagación do SARS-CoV-2.

Con todo, apunta que tamén hai quen prefire centrarse nalgunhas das cousas boas deste ano e celebrar efemérides destacadas, como o centenario da Xeración Nós; ou evadirse e animar a coñecer mellor o ceo e os seus nomes, como suxire a presenza entre as finalistas de 'seteiro', unha das formas de chamarlle á constelación que na nomenclatura latina desígnase como Sagittarius.

'Gromo', 'máscara' e 'pandemia' son tres exemplos destacados das múltiples palabras presentes nos dicionarios que gañaron nos últimos meses un novo significado na vida cotiá e mesmo nas obras lexicográficas por mor da pandemia.

PROXECTO 'NOVAS VOCES PARA A LINGUA'

Por outra banda, a Real Academia Galega (RAG) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) puxeron en marcha o proxecto 'Novas voces para a lingua' co obxectivo de conectar aos mozos co idioma galego.

Precisamente, no marco deste proxecto, a Academia acolleu a presentación da serie 'Conseguiremos', cinco capítulos a favor do uso e da difusión da lingua galega protagonizados pola futbolista Verónica Boquete, os músicos Alejandro Guillán Baiuca e Laura Lamontagne, o director de cinema Andrés Goteira, as actrices da Panadaría Teatro e a divulgadora científica Iria Veiga, acompañada polo doutor Anxo Carracedo, en diálogo con mozos para os que son referentes.

O primeiro capítulo, protagonizado pola futbolista Verónica Boquete no estadio que leva o seu nome en Santiago de Compostela xa pode verse no espazo dedicado ao audiovisual que estrea este xoves a web da RAG.

Libros de Emilia Pardo Bazán depositados na RAG. RAG
Libros de Emilia Pardo Bazán depositados na RAG. RAG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta