Por Galicia Confidencial | Dodro | 18/12/2020 | Actualizada ás 21:00
Anxo Angueira, un dos grandes dinamizadores da cultura do país e, especialmente, da figura da gran Rosalía de Castro, ven de ser renovado como presidente da fundación que leva o nome da escritora. A súa elección polo plenario foi por unanimidade o que demostra o gran traballo que o escritor e profesor leva realizados durante estes anos.
Acompañarán a Angueira ao fronte da fundacón Ana Blanco como vicepresidenta; Xosé Carlos Beiró como secretario; Xosé García Lapido como tesoureiro; e como vocais Xosé Luís Axeitos, María López Sández e Chus Pato.
Anxo Angueira foi elixido presidente desta entidade en 2012. Desde entón as visitas á Casa-Museo incrementáronse nun 260%: pasando de 8.655 a 22.463 en 2019. Asemade, a Fundación pasou dunha taxa de autofinanciamento do 20% en 2012 a un 45% en 2019, cifra considerable na nosa contorna cultural.
Froito da súa xestión é tamén a renovada musealización, catálogo e dixitalización de todo o fondo documental e do acondicionamento dunha sala para o arquivo, que xa está a disposición dos investigadores. Nestes anots tamén se incrementou o patrimonio do museo coa chegada de novos obxectos, artísticos ou non, como o cadro de Brocos e diferentes pezas de Ovidio Murguía e puxéronse en marcha ducias de actividades ao longo do ano: a homenaxe ao mundo do mar, o festival Abride a Fiestra, alén de múltiples exposicións, conferencias, roteiros, teatralizacións e visitas guiadas.
Anxo Angueira Viturro (Manselle, Dodro, 1961) é doutor en Filoloxía Galega e profesor da Universidade de Vigo. No ámbito da creación literaria publicou obras poéticas e narrativas: Val de Ramirás (1989), O valo de Manselle (Xerais, 1996), Bágoas de facer illas (Xerais, 1997), Libro da Vertixe (1997), Pensa nao (Premio Xerais de Novela 1999), Terra de Iria. Viaxe ó país de Rosalía de Castro (2002), A morte de A. (Xerais, 2003), Fóra do sagrado (Xerais, 2007) e Iria (2012).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.