A Xunta podería aprobar varios parques eólicos sobre un bosque con especies en perigo de extinción

Adega califica de "fraude" os procesos para aprobar os parques da Serra de Outes.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/01/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Outra xornada máis, proseguen as mobilizacións contra a implantación de eólicos en Galicia seguindo a política do actual goberno da Xunta. O derradeiro berro destas protestas vén de chegar da man da plataforma Adega, que denuncia que un proxecto apoiado pola administración Feijóo podería rematar coa carballeira de Santa Locaia, un bosque atlántico "de grande valor".

Carballeira na debesa de Chacín, en Mazaricos
Carballeira na debesa de Chacín, en Mazaricos | Fonte: remitida

O proxecto en cuestión, promovido pola eólica Green Capital Power, ten plans para se asentar na Serra de Outes, un lugar sobre o cal xa se prevén varios parques eólicos. O máis próximo é o de Banzas, que segundo a asociación ambiental podería alterar "un dos redutos de bosque atlántico húmido mellor conservados do país". Adega destaca, neste aspecto, a presenza de especies "moi raras, ameazadas e en perigo de extinción".

VOTO EN CONTRA

As dificultades que está a atravesar a serra en cuestión veñen motivadas, din dende a plataforma, porque, en 2011, o PP botou por terra unha proposta do bipartito para facer da área unha Zona de Especial Protección; salvagarda que tería suposto importantes atrancos para logo planificar sobre ela os parques eólicos hoxe presentados. "Dende entón, este valioso espazo veu sofrindo periódicas talas e a crecente presión do eucalipto, que van relegando o bosque húmido atlántico ás áreas interiores das vagoadas", explican.

A plataforma carga, neste aspecto, contra o "desleixo cómplice de Feijóo" e "a cobiza das eléctricas", que segundo destacan "ameazan con facer desaparecer un patrimonio natural único". O ataque á Serra de Outes queda patente, a ollos de adega, nunha "tramitación fragmentada á medida das empresas" que califican directamente de "fraude" "tolerada" pola Xunta.

"FRAGMENTACIÓN IRREGULAR"

"O PE “Banzas” partilla infraestruturas co PE “Maragouto” através dunha liña de evacuación eléctrica conxunta, sendo as tres infraestruturas promovidas pola mesma empresa"., explican. O problema é que, en palabras da asociación, "esta liña eléctrica forma parte indisoluble destes proxectos eólicos e os seus impactos deberían avaliarse conxuntamente", se ben a práctica da Xunta volveu ser distinta. 

"Ao non considerar os efectos ambientaIs conxuntos destas tres infraestruturas dependentes evidénciase unha intención de fragmentar artificialmente a súa tramitación", explican. O obxectivo non sería outro que "obviar a avaliación dos efectos sinérxicos dos tres proxectos e así minimizar os seus impactos". Na área proxectada para construír cóntanse 4 especies vulnerables e dúas en perigo de extinción, de acordo coas mesmas fontes. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta