Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2021 | Actualizada ás 13:20
O coordinador dos socialistas galegos no Senado e presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, considerou necesario ter "un pouco de paciencia" en relación ás negociacións do Goberno con Audasa para conseguir un bo acordo sobre a rebaixa das peaxes da AP-9, que permita dar unha solución ata que finalice a concesión no ano 2048.
"O orzamento foi aprobado hai menos de 15 días e agora pídese que ao día seguinte estea isto xa resolto. A única forma de resolvelo é asinar debaixo do que poña diante a empresa e iso non é bo para Galicia, non é bo para os galegos, nin sequera para os usuarios da AP-9", sinalou Leicegada, que advertiu de que se trata de "un problema que ten case 30 anos por diante".
Nunha rolda de prensa ofrecida este martes na sede do PSdeG acompañado polos deputados no Congreso Guillermo Meijón e Ana Prieto, Leiceaga lembrou que a concesión remata no ano 2048 por "unha decisión" dun goberno do PP que contou cunha postura "cómplice" por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. "Por tanto, a dificultade que ten isto hoxe pasa porque hai que atender a situación ata ese momento, son vintemoitos anos que hai que reflexionar, que hai que financiar o uso da AP-9 por parte dos condutores recorrentes", sinalou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.