Denuncian que a Xunta podería deixar de convocar as axudas "máis importantes" para o agro galego

Segundo o SLG, Medio Rural aínda non resolveu a convocatoria de 2020.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2021 | Actualizada ás 08:30

Comparte esta noticia

Nova denuncia do Sindicato Labrego Galego a respecto das políticas da Xunta de Galicia. A plataforma sindical vén de se dirixir á administración Feijóo para demandar a nova convocatoria dunha liña de axudas que o Goberno Autonómico podería estar a piques de deixar caer. Dende o SLG explican que se trata das coñecidas como ‘axudas de incorporación’, que, segundo as mesmas fontes, “se antollan” como as “máis importantes” para o agro galego.

Vacas pastando nun campo galego. XUNTA
Vacas pastando nun campo galego. XUNTA

De acordo coa versión do sindicato, as axudas en cuestión teñen por obxectivo impulsar á incorporación das novas xeracións ao agro. Por esta razón, a Consellería de Medio Rural achegaba unha subvención a aqueles gandeiros e agricultores que se lanzaran a constituír un negocio no sector primario e que foran menores de 40 anos. A problemática é que, sempre de acordo coa versión do SLG, a Xunta non convocou as axudas para o 2021, e por riba, non resolveu aínda as de 2020.

A problemática deste silencio por parte da Administración é que, segundo o sindicato, as axudas de incorporación contan cun papel central no marco do impulso ao agro galego. “Trátase de fondos esenciais para garantir o relevo xeracional nun agro como o galego, moi envellecido, no que o 60% dos seus activos son maiores de 60 anos”, explican nun comunicado. 

"AGUDIZACIÓN DO DESPOBOAMENTO"

De acordo con datos do INE ofrecidos pola organización, os últimos datos dispoñibles --do 2016-- daban proba de que “só o 5,68% das titulares de granxas de Galiza tiñan menos de 40 anos”, unha proporción que, evidentemente, pon nun grave compromiso a continuidade a longo prazo do sector agrogandeiro galego. A problemática, porén, iría máis alá da cuestión meramente económica. “Evidentemente, se dende os poderes públicos non se apoia e estimula decididamente a incorporación de mozos e mozas á actividade agraria, o que nos deparan os vindeiros anos vai ser unha agudización insostible do despoboamento e abandono do rural”, explican dende o sindicato.

Neste contexto, dende o SLG pregúntanse polas razóns de que “se contemple a posibilidade de que non se vaian convocar as correspondentes a 2021”. En liñas paralelas, critican que ·as solicitudes efectuadas en febreiro de 2020, data de convocatoria das axudas, sigan aínda sen resolver. "Ao non convocarse estas axudas de incorporación en 2021, toda unha xeración de mozos e mozas que ían iniciar proxectos agrogandeiros no rural ficará fóra do sistema e sen apoios públicos para iniciar os seus proxectos", subliñan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta