Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/01/2021 | Actualizada ás 17:47
Hai dez anos o Goberno galego botaba man dos cartos de concesionarias privadas para realizar o hospital Álvaro Cunqueiro. Esas grandes construtoras, Acciona e Puentes y Calzadas, adiantaron 300 dos 1.000 millóns de euros que custou ese complexo hospitalario. A cambio, a Xunta cedendolles a estas concesionarias toda a xestión dos servizos non clínicos como o aparcamento e recibir tamén un canon anual con xuros por parte da Xunta ata 2035. Un modelo de concesión privada que Alberto Núñez Feijóo estaría disposto a repetir.
Agora, no 2021, o presidente galego anuncia un novo gran hospital na Coruña semellante ao vigués. Un novo hospital que custará 430 millóns de euros --orixinalmente o de Vigo fora orzamentado en 450 e acabou tendo un sobrecuste de máis de 1.000 millóns-- que serán sufragados íntegramente polo Goberno galego. O modelo vigués non será aplicado neste caso.
Por iso, Galicia Confidencial preguntoulle ao presidente galego se ten pensado retomar ese modelo de concesión público-privada no hospital coruñés ou noutro. A súa resposta foi contundente; "se hai necesidade, tamén o faríamos". "Neste momento temos capacidade de déficit e non imos ir a ese sistema, pero se o Estado nolo permite e temos necesidade de facelo, volveriamos a facelo outra vez", dixo.
Previamente quixo deixar claro que o hospital da Coruña é "un hospital público, exactamente igual que o de Vigo". "O hospital de Vigo está inscrito no rexistro da propiedade en favor do Sergas-Xunta, igual que o hospital de Coruña", indicou.
Na súa resposta, Feijóo cargou as responsabilidades do acontecido en Vigo no Goberno español de entón, o do socialista José Luis Rodríguez Zapatero, xa que foi o que lle permitiu facer a operación. "Co de Vigo fomos ao Goberno de España e lle trasladamos a dificultade, no ano 2010, 2011... Foi a Intervención do Estado do presidente Zapatero a que nos dixo que a única solución que había era o financiamento público-privado”, indicou.
A PRIVATIZACIÓN DO HOSPITAL VIGUÉS
O caso do Álvaro Cunqueiro provocou numerosas críticas, tanto polo xeito de proceder da Xunta como pola cesión económica ás constructoras. De feito, e tras unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o Goberno galego está obrigado a pagar durante 20 anos un canon de 75 millóns de euros anuais porque un erro de cálculo forzou un incremento de case tres millóns anuais na factura. A Xunta aplicaba un IVE reducido do 10%, pero Facenda corrixiu o imposto ao 21% e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deulle a razón.
A concesionaria Novo Hospital de Vigo (NHG) estivo pilotada pola maioritaria Acciona e por Puentes, que exerce a presidencia, pero a primeira delas vendeulle a súa parte, un 43%, ao fondo de investimento francés Meridiam. Outro dos accionistas orixinais, Concessia, traspasou en 2019 o seu 17% a unha sociedade do fondo River Rock con sede en Luxemburgo.
HOSPITAL DA CORUÑA
O Consello da Xunta deu luz verde este xoves ao convenio marco de colaboración entre a Administración autonómica e o Concello da Coruña para executar o novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), a "maior obra hospitalaria que levará a cabo nesta lexislatura". Feijóo dixo que permitirá dobrar a superficie construída, incrementar un 108% os postos de urxencias, contar cun 50% máis de consultas e dispor dun 15% máis de canas e dun 50% de habitacións individuais.
En virtude deste convenio, conforme indicou, establécese a repartición de tarefas e responsabilidades. Así, a Administración autonómica asumirá todo o procedemento urbanístico, a redacción, supervisión e aprobación dos proxectos técnicos e a licitación e execución das obras do hospital. Ademais, executará as obras de urbanización e infraestruturas necesarias para os accesos e conexións viarias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.