Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2021 | Actualizada ás 14:03
A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta, Mercedes Rodríguez, incidiu na necesidade de que a negociación para a fixación de stocks pesqueiros con Reino Unido sexa realizada con "transparencia" por parte da Comisión Europea e que non se "prime" o alcance dunha maior poboación de recursos pesqueiros sobre a actividade económica que xeran.
Tras cuestionar que "en 48 horas se determine o que pode pescar toda a frota da UE ao ano seguinte", recalcou a importancia de "esixir transparencia" á Comisión Europea en relación ás reunións que debe manter con Reino Unido para a fixación inicial de stocks e que a súa determinación "non sexa algo automático".
A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica tamén reprobou a "falta de sensibilidade" da Comisión Europea en relación a fixación das posibilidades de pesca para 2021 nas augas do Cantábrico-Noroeste e Francia e acusouna de non contemplar as consecuencias económicas da pandemia e a súa afectación á actividade da frota.
En concreto, o acordo inclúe os totais admisibles de capturas (TAC) e cotas do Cantábrico-Noroeste e augas de Francia, pero non os compartidos con Reino Unido, polo que se reducen a 17 pesqueiras. Ademais, para as augas de Gran Sol asignáronse o 25% das cotas de 2020 durante o primeiro trimestre do ano á espera da fixación das posibilidades de captura para o resto do ano mediante a negociación que deben manter Reino Unido e a Comisión Europea.
O BNG PIDE UNHA "OFENSIVA POLÍTICA"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo realizar unha "ofensiva política" que permita minimizar o impacto negativo do brexit na frota galega, cunha "compensación real" das perdas do sector pesqueiro, unha repartición "xusta" das cotas, e o avance cara ao recoñecemento de Galicia como "nación altamente dependente da pesca".
Así mesmo, considerou que o segundo punto no que se debe avanzar no marco desta "ofensiva política" é o recoñecemento de Galicia como "nación altamente dependente da pesca", unha consideración que, segundo indicou, "teñen outros territorios" con "menos dependencia" desta actividade. Tras iso, tamén apostou por camiñar cara a un "reparto xusto" das cotas de pesca. E é que, "máis aló do que significa o brexit", a líder do Bloque considera que non se pode esquecer que Galicia "sempre" resulta "prexudicada" pola repartición da Unión Europea.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.