Por X.M. Fernández | Allariz | 06/02/2021 | Actualizada ás 11:00
Con esta iniciativa, que leva desenvolvendo o Concello de Allariz dende hai uns anos, as técnicas de igualdade e de familia da Área de Benestar Social achegaranse aos cursos de 6º de Primaria do CEIP Padre Feijóo e a 2º e 4º da ESO do IES de Allariz.
A idea destes ciclos de educación sexual foi acuñada polo prestixioso doutor en sexoloxía Efigenio Amezúa e ten como finalidade traballar, a partir de intervencións curtas, contidos da disciplina sexolóxica relacionados coa puberdade e a adolescencia. O ciclo deste ano desenvolverase en 3 sesións por grupo e, segundo trasladan dende a organización "traballaranse contidos relacionados co feito de ser sexuados e sexuadas, e as implicacións que ten para nós e para as relacións que establecemos para a convivencia".
Nas sesións, as rapazas e os rapaces tratarán temas como os cambios nos corpos e nas relacións que xorden na pubertade e a adolescencia, introduciranse en ideas que aporten un maior coñecemento sobre si mesmos para entender mellor cousas que lles poden pasar e influenciar. Ideas como o feito de ser sexuados e diferentes, as ideas de amizade, de gusto polo outro/a, das ideas de parellas, etc.
Este tipo de intervencións educativas, como sempre lembran no Concello de Allariz, afrontaranse dende unha actitude comprensiva e poñendo en valor a diferenza e a convivencia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.