Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2021 | Actualizada ás 20:51
Centenares de persoas saíron ás rúas este domingo convocadas pola CIG para demandar unha saída da crise provocada pola pandemia que leve a cabo a través de políticas que rompan coa "doutrina neoliberal" e permitan "iniciar unha auténtica recuperación económica e social".
As mobilizacións, adaptadas ás restricións motivadas pola pandemia, repetíronse en 18 localidades galegas baixo a lema 'Por unha saída galega xusta da crise'.
O secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, participou na de Vigo, onde chamou a reclamar medidas que se desvíen da "doutrina neoliberal" que, ao seu xuízo, está detrás das medidas de todos os gobernos, incluído o do Estado "por moito que as disfrace o goberno de coalición de PSOE e Unidas Podemos".
Para Carril, a pandemia está a evidenciar as "carencias, fracasos e inxustizas do capitalismo e da Unión Europea", así como "a incapacidade do modelo neoliberal" para atopar solucións nun contexto onde se impoñen "os intereses económicos privados, mesmo mercantilizando a vida humana".
Como exemplo diso sinalou o "escándalo" das vacinas, un "negocio millonario" no que as farmacéuticas, despois de "encherse os petos" con diñeiro público toman as súas propias decisións fronte a "gobernos incompetentes, sumisos ao capital e cheos de sectarismo por negarse a comprar vacinas cubanas, rusas e chinesas".
NOVO "SAQUEO" DA CLASE TRABALLADORA
Segundo Carril, "preténdese saír desta crise cun novo saqueo á clase traballadora e ao pobo galego", polo que advertiu da "dureza" que poden ter as consecuencias desta situación nunha Galicia "xa de cheo nunha crise social, industrial e demográfica".
"Aquí non hai transición, aquí hai demolición", aseverou o responsable da central nacionalista, que reclama un plan de recuperación económica que pase pola industrialización e a creación de "emprego digno", para o que cre necesario a derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións, así como a "prohibición dos ERE, ERTE e modificación das condicións de traballo sen previa autorización administrativa e sen acordo co persoal".
"Facemos estas propostas coa lexitimidade que nos dá a nosa loita diaria nos centros de traballo e nas rúas contra esta dura realidade, nun contexto de continuos chamamento á unidade, aos consensos e ao diálogo social co que pretenden impor políticas e reformas contrarias aos intereses da clase traballadora", incidiu Carril antes de apelar a "intensificar a loita obreira".
"Non será nas mesas de diálogo onde se conseguirá derrogar as reformas e lograrase saír da crise dunha forma xusta, con dereitos e con emprego, salarios e pensións dignas", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.