Alertan de que moitos cancros infantís poderían non detectarse a tempo pola pandemia

A Fundación Banco Médico Farmacéutico de Galicia avisa do perigo do atraso dos diagnósticos desta enfermidade.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/02/2021 | Actualizada ás 18:54

Comparte esta noticia

A Fundación Banco Médico Farmacéutico de Galicia avisa que, como consecuencia das limitacións implantadas pola pandemia, "moitos casos de cancro infantil poderían non estar a ser detectados a tempo".

Cancro infantil
Cancro infantil | Fonte: Pxhere.

Co gallo do Día Internacional do Cancro Infantil, que se celebrará o luns 15 de febreiro, esta entidade alerta do "perigo" do atraso dos diagnósticos desta enfermidade, xa que a porcentaxe de supervivencia rolda o 75 por cento se se detecta a tempo.

Así, o Banco Médico Farmacéutico lembra aos responsables dos menores que, a pesar da crise da covid-19, "deben porse en contacto cos seus médicos se detectan calquera síntoma".

Para conmemorar o Día do Cancro Infantil, a fundación busca darlle "visibilidade" a esta doenza da que en todo 2020 en Galicia rexistráronse 46 novos casos entre nenos de 0 a 14 anos.

De feito, é "a segunda" causa de mortalidade na infancia, asegura o Banco Médico Farmacéutico. Entre os tipos de cancro máis frecuentes entre menores galegos están a leucemia, o cerebral e o linfoma Hodgkin.

Neste contexto, a entidade lembra que os nenos que padecen cancro poden estar sometidos a longos períodos de hospitalización durante os seus tratamentos, o que repercute na vida dos seus proxenitores, tamén a nivel financeiro.

Por iso, a Fundación Banco Médico Farmacéutico reclama "máis apoio económico e social" por parte das administracións para estas familias.

Ademais, anima "a toda a poboación que reúna os requisitos" a que se faga doante de medula ósea, xa que é "unha das principais ferramentas" para combater a leucemia, o tipo de cancro infantil máis común.

Á súa vez, a fundación recalca a necesidade de investir en investigación oncolóxica en Galicia para dispor das "mellores técnicas" e así evitar que os nenos afectados teñan que irse de Galicia para ser tratados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta