Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 27/11/2024 | Actualizada ás 20:50
Aínda que resulte duro dicilo, nunha sociedade tan ideoloxicamente avanzada como se quere facer ver que é a actual, aínda hai moitas profesións nas que as mulleres non gozan de presenza, ás veces pola súa propia falta de interese, pero ás veces tamén porque dende sempre lles fixeron crer que non encaixaban nun mundo dominado por homes. Con motivo do Día Internacional da Loita contra a Violencia de Xénero (25N), e poñendo sobre a mesa o feito de que a violencia de xénero non só se atopa nos asasinatos (últimas consecuencias da mesma), senón tamén en todas esas pequenas cousas, eses micromachismos, que cada día teñen que soportar as mulleres, o Galicia Confidencial continúa coa súa serie falando con mulleres que son auténticos referentes en sectores nos que chama poderosamente a atención que o sexan, ao estar integrados practicamente na súa totalidade por homes. Hoxe é a quenda de que nos conte a súa historia Elena Isabel del Pozo.
Elena Isabel del Pozo é unha desas mulleres de armas tomar que non se achanta ante ningún reto, que leva o mundo por bandeira e que cada día loita por abrirse camiño nunha profesión 'de homes'. Madrileña de nacemento e filla adoptiva de Galicia dende que se mudou á nosa terra hai 10 anos por amor, aos seus 46 anos, leva xa 8 meses traballando como peón no sector da construción e asegura estar moi contenta e sentirse moi arroupada polos seus compañeiros. Aos 44 anos e tras ter sido unha das moitas autónomas ás que a pandemia lles puxo as cousas moi costa arriba, Elena decidiu formarse na Fundación Laboral da Construción e comezar unha nova etapa na súa traxectoria profesional: quen dixo que hai idade para estudar? O máis curioso son as modalidades polas que optou: fábricas e cubertas, un sector 'masculinizado' onde os haxa; e casas modulares.
"AO COMEZO FRÉASTE PENSANDO QUE POR SER MULLER EN IDADE AVANZADA PARA A CONSTRUCIÓN NON VAS DAR, PERO HAI QUE TIRAR PARA DIANTE"
Como ela mesma explica, "levo xa 8 meses traballando neste oficio e, polo de agora, non toquei aínda moita obra, máis ben fixen rehabilitación de piscinas". Elena confesa que "dende sempre fun un pouco manitas e me gustou o mundo da construción", pero cousas da vida, "cando empecei a traballar non tomei este camiño, estiven en panadería, administración e, dende o 2015, como autónoma propietaria dunha tenda". As cousas non lle ían tan mal como autónoma, aínda que recoñece que é un mundo difícil, pero todo se veu abaixo coa chegada da pandemia. "Cando chegou o covid e todo o follón que tivemos os autónomos a raíz do mesmo, afectoume moito á saúde mental e decidín traspasar a tenda". Afortunadamente, lonxe de afundirse, Elena pensou que "xa que gozaba de certa estabilidade económica, podía comezar a formarme mentres non atopaba outro traballo". Así comezou a súa andadura como estudante na Fundación Laboral da Construción, no ano 2023. Despois do curso de fábricas e cubertas a súa inquedanza seguía sendo tal que fixo tamén o de casas modulares.
Dentro do primeiro curso, Elena apunta que "non había ningunha muller máis, eu era a única, e comezamos 15 persoas e rematamos 13"; mentres que, no segundo, "si eramos máis mulleres, porque algunhas chegaban directamente da Fundación". Unha vez completada a súa formación, non tardou moito en atopar traballo, a pesares do que puidera pensarse nun principio, tendo en conta que comezou a procura con 46 anos e nun sector no que a forza física resulta fundamental. Deste xeito, é un verdadeiro exemplo de que non hai mala idade para estudar, porque, como ela mesma conta, "ao principio ben é certo que che custa un pouco, porque tamén te frea a ti mesma o pensamento de que ao ser muller en idade avanzada para a construción non vas poder, pero hai que tirar para diante". Aínda que tamén confesa que, rematados os estudos, e orgullosa do feito, "tampouco tiña moita esperanza de rematar traballando no que a min me gustara e no que me formara". Moi pola contra, de seguida se lle presentou a oportunidade.
"DÁBAME CONTA DE QUE HABÍA TRABALLOS NOS QUE OS COMPAÑEIROS TIRABAN MÁIS E, SE QUEREMOS IGUALDADE, TAMÉN TEMOS QUE POÑER DA NOSA PARTE"
Elena tiña unha amiga que lle dixo que o dono dunha empresa de construción estaba comezando a buscar mulleres, pola boa experiencia que tiña xa cunha rapaza en prácticas que xa estaba dentro da súa empresa. Como esa amiga coñecía moi ben a Elena e confiaba moito nas súas capacidades, pediulle que lle entregase o seu currículo para darllo ao que hoxe en día é o seu xefe e pedirlle que lle fixese unha entrevista sen compromiso, a ver en que resultaba. E dito e feito. "Fun facer a entrevista e estivemos nada menos que unha hora falando", lembra Elena, que asegura que "alucinei, porque nunca tivera unha entrevista tan longa, e mira que tiven traballos na miña vida". Todo foi moi ben e o dono da empresa quedou en dárlle unha resposta entre esa mesma tarde e a mañá seguinte. Non só a el foi quen de encandilalo, senón tamén á súa man dereita, unha muller que se adicaba a tarefas de administración, pero que tamén entendía moito das obras, porque era a que organizaba aos obreiros. Só pasou un día cando Elena recibiu a chamada, informándoa de que lles gustara moito o seu perfil e de que comezaba o 4 de marzo de 2024.
Agora que xa leva uns cantos meses de experiencia, preguntámoslle se verdadeiramente ela se nota quen de facer as tarefas propias da construción coma o fan os seus compañeiros, e asegura, sen dúbidas, que "dende logo que me vexo quen", aínda que ben é certo que, como di, "con forza de vontade vas a moitos sitios, pero sen forza física non vas case a ningún". Aprendida esa lección, Elena non titubeou á hora de apuntarse ao ximnasio para fortalecer a súa musculatura. "Fíxeno por iniciativa propia, ninguén me obrigou, pero quería gañar máis forza física, porque dábame conta de que había traballos nos que os compañeiros daban tirado máis ca min e plantexábame que, se realmente as mulleres queremos igualdade, tamén temos que poñer da nosa parte", reivindica esta peón de obra, que tamén chama a atención sobre que "o mesmo lle pasará a rapaces que sexan moi delgados e non gocen da mesma forza que xa teñen os meus compañeiros, que levan moitos anos adicados á construción". En concreto, apunta a que a media de idade dos seus compañeiros anda nos 50 anos e, o que menos leva na empresa, leva xa 6 anos, habendo moitos que chegan aos 30 dentro do sector.
"OS MEUS COMPAÑEIROS SEMPRE ME DIXERON QUE SE NON PODÍA CON ALGO QUE OS AVISASE, PERO, ALO MENOS, SEMPRE ME DEIXAN INTENTALO A MIN PRIMEIRO"
Elena conta que houbo un episodio concreto que a fixo reflexionar sobre a necesidade de prepararse fisicamente para o oficio. "Este verán, mentres estaba cun dos meus compañeiros facendo un traballo, tivo que botarme unha man e vin que se estaba poñendo vermello do calor que facía e do que estaba suando, aí díxenme: teño que facer algo, poñer máis da miña parte, porque a este home como lle pida sempre axuda vouno matar, así que teño que facer o esforzo por min e tamén por el", explica esta muller, que leva xa máis dun mes no ximnasio e asegura estar notando ela mesma os resultados e tamén os demais. "Agora o meu compañeiro xa me di que se me nota que teño máis forza, que antes non era quen de mover algo que pesase moito e que agora, sen embargo, a base de tirar e tirar douno movido", amósase orgullosa. E é que para ela hai unha máxima: "As mulleres queremos igualdade, pero ás veces non vén soa, en oficios coma este ou pos da túa parte e eles tamén poñen da súa ou o mundo vai seguir igual ou peor".
No tocante á relación cos seus compañeiros, asegura que nunca sentiu ningún tipo de discriminación, nin dentro do curso nin da profesión en si. O que si confesa que sentiu foi unha certa protección, sobre todo dentro do curso, porque "aínda hai xente que trae da casa uns valores máis machistas e pensan que ás mulleres é preciso protexernos, entón, como no curso só estaba eu como muller, ofrecíanse a collerme os sacos e cousas así". Nestes oito meses, no seu ámbito de traballo, tamén afirma que lonxe de sentirse discriminada por ser unha muller nun 'mundo de homes', "os meus compañeiros sempre me dixeron que se non podía con algunha cousa os avisase", pero tamén valora que, "alo menos, sempre me deixan intentalo a min primeiro". Por iso, dende a súa experiencia, a todas aquelas nenas ás que lles chame a atención a construción pero que non se atrevan a dar o paso, Elena diríallles que "hai que intentalo, porque se non o intentan nunca van saber se isto é para elas". Aínda que tamén as avisa de que "este non é un traballo doado, require de moito esforzo físico, así que xa todo depende de che gusta máis ou menos, ou se tes vocación ou non".
"QUE O MEDO NUNCA NOS FREE, QUE CON MEDO NON SE VAI A NINGURES E, SE NON SE INTENTAN AS COUSAS, NUNCA SABEREMOS SE AS PODEMOS CONSEGUIR"
No seu caso, Elena non pretende conformarse con botar toda a vida no seu posto actual, senón que ten moi claro que quere seguir progresando. "Eu creo que sempre hai oportunidades de futuro sabendo aprender, porque se ti vas todos os días traballar pero non aprendes, porque non pos atención e o único que che interesa é que chegue o final de mes para cobrar o soldo, vaste estancar; pero se ti aprendes do que che explican os compañeiros e o xefe, intentas mellorar e non te rindes aínda que saibas que as cousas non as vas aprender dun día para outro, eu creo que si que podes lograr avanzar chanzos na túa profesión", reflexiona. Dende logo, ela amósase convencida de que "para min hai un futuro laboral máis alá de ser peón". "Eu sempre digo que non teño unha visión de futuro concreta, pero que ao mellor dentro de 3 ou 4 anos xa non son peón, senón peón especialista, por exemplo", chancea, tendo claro que "o importante é ir avanzando paso a paso".
Nestes 8 meses "xa aprendín moito e é verdade que coa experiencia acadada xa me vou vendo quen de facer máis cousas e de tirar moito máis para diante". E sabe que non é doado facelo e que non todos os comezos son doados, pois "eu cando empecei no meu traballo actual tamén ía con medo, medo a que me dixesen que non valía para isto, a que os meus compañeiros me rifasen por non dar pé con bóla", pero "lanceime á piscina (nunca mellor dito) e, polo momento, toco madeira, vaime moi ben". Por iso, a mensaxe que lle gustaría transmitir a todo o mundo é: "Que o medo nunca nos free, que con medo non se vai a ningures e que, se non se intentan as cousas, nunca saberemos se somos quen de conseguilas". "Cando estas aprendendo a montar en bici, cáeste moitas veces antes de aprender de verdade, e iso é un exemplo que serve para practicamente todas as cousas na vida: se non te tropezas coa parede nunca vas sabes de esta dura ou branda", conclúe Elena.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.