“O xornalismo de investigación actual débelle moito máis a WikiLeaks e Anonymous que aos medios tradicionais”

Unha conversa sobre hackers e hacktivismo con Alfonso López, profesor de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago.

Por Alberto Quian | Madrid | 18/02/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Falar de hackers e hacktivistas a audiencias manipuladas polas falacias políticas e corporativas, e polo sensacionalismo xornalístico, non é doado. Partes en desvantaxe, xa que o prexuízo foi inoculado ás masas durante décadas, desde os anos oitenta do pasado século, para estigmatizar e criminalizar un movemento contracultural cunha ética baseada no traballo libre e colaborativo, o saber compartido, a liberdade de expresión, a libre información, a transparencia, o ben común e a defensa dos dereitos humanos, incluídos os dereitos á privacidade e a saber mediante o libre e universal acceso a todas as fontes de coñecemento. Gobernos, empresas e medios fixeron pensar ás masas que ser hacker é sinónimo de delincuente informático e que o hacktivismo –a expresión política do hacking– é un ismo terrorista.

Os Anonymous, en apoio a Julian Assange e WikiLeaks
Os Anonymous, en apoio a Julian Assange e WikiLeaks

Non se confunda, os hackers non son os ciberdelincuentes que poden asaltar a súa vida pola porta traseira do seu ordenador, televisión intelixente ou teléfono móbil. Os que asaltan a súa privacidade son empresas tecnolóxicas, gobernos e malfeitores con habilidades informáticas chamados crackers, dos que se desvincula a comunidade hacker. Temos xa suficientes probas sobre isto, aportadas precisamente pola comunidade hacker e hacktivista. De aí a súa estigmatización e criminalización.

Alfonso López e Paloma Castro (Universidade de Santiago), canda Ángel Cazorla Martín (Universidad de Granada), asinan o estudo ‘Hacktivismo y participación: entre la criminalización de lo no convencional y la constitución de nuevos actores políticos’

Pense na persecución e represión que sufriron WikiLeaks e o seu fundador, Julian Assange, ou Edward Snowden, por revelar ao mundo os abusos de gobernos e empresas, mentres os medios que se aproveitaron das súas filtracións miraron cara outro lado. Pense nos centos de hackers acosados e detidos durante décadas por introducirse en sistemas gobernamentais e corporativos para denunciar as súas fallas de seguridade ou prácticas abusivas de todo tipo. Pense tamén no acoso político, corporativo, policial, institucional e xudicial que sufriu o finado hacker e hacktivista Aaron Swartzheroe desta comunidade– por pretender liberar o coñecemento científico privatizado por mastodónticas editoriais, para poñelo a disposición de todos nós. Pense nos hacktivistas que prestaron formación e tecnoloxía a disidentes en China, Iraq, Siria ou na Primavera Árabe para denunciar abusos de dereitos humanos… Pense sobre que é realmente ser hacker logo de documentarse e informarse.

É obvio que hackers e hacktivistas amolan á autoridade. De aí o relato criminalizador sobre eles, aceptado como dogma de fe nos medios de masas.

Cando lea un titular en prensa no que se usen as palabras “hacker” e “hacktivista” para referirse a delincuentes informáticos, cando vexa que un medio identifica un roubo ou unha estafa cun hackeo, recorde, estanlle mentindo. Porque os hackers, os auténticos, non procuran causar dano, senón explorar os límites do posible e compartir o coñecemento adquirido, e os hacktivistas non teñen como obxectivo danar a seguridade pública, senón defender os dereitos humanos e denunciar abusos de poder.

Aos hackers e hacktivistas debemos a existencia de Internet, a World Wide Web, o software e hardware libres, Linux, Reddit, Bitcoin, o navegador TOR, Signal, as licencias copyleft e creative commons, o movemento pola ciencia aberta…

Non só iso. Hackers e hacktivistas están detrás dalgúns dos máis substanciais e valiosos artefactos intelectuais que usa vostede. A eles debemos a existencia de Internet, o primeiro ordenador persoal en combinar un microprocesador cunha conexión para un teclado e un monitor (foi a revolución da informática doméstica), a World Wide Web, as redes peer-to-peer, o impulso á intelixencia artificial, o software e hardware libresLinux, o RSSWordpress, WikipediaRedditBitcoin, navegadores como Mozilla Firefox ou TOR, a aplicación de mensaxería encriptada Signal, as licenzas copyleft creative commons, o movemento pola ciencia aberta, Sci-Hub (porta de acceso libre a millóns de artigos científicos secuestrados por editoriais), as actuais redes sociais (evolución das primeiras comunidades virtuais en liña creadas nas décadas de 1980 e 1990 por hackers e hacktivistas mediante os Bulletin Board Systems, ou taboleiros de anuncios electrónicos), e mesmo os masificados produtos de empresas hoxe tan antitéticas á ética hacker como Apple, Microsoft ou Facebook, cuxos fundadores formaron unha vez parte da comunidade hacker (só Steve Wozniak, cofundador de Apple con Steve Jobs, se mantivo fiel aos ideais hackers).

Todo o relatado até aquí está certificado en infinidade de documentos, libros, medios especializados e traballos académicos. Porén, todo isto foi obviado polos medios de masas, que acataron como única verdade sobre o hacking e o hacktivismo o relato falaz das elites políticas e económicas, cuxo dominio está ameazado pola ética hacker.

En España, a aproximación académica ao hacking e o hacktivismo segue sendo exigua, en comparación coa substancial literatura anglosaxona e mesmo latinoamericana que debulla esta cultura. De feito, en 2016 defendín na Universidad Carlos III de Madrid a primeira tese doutoral en España que aborda a cultura e ética hacker e o hacktivismo. Por iso, toparse aquí con calquera nova achega sobre este campo de estudo resulta fascinante. Máis aínda se é desde Galicia.

Este é o caso de ‘Hacktivismo y participación: entre la criminalización de lo no convencional y la constitución de nuevos actores políticos’, un traballo académico publicado recentemente na Revista Ibérica de Sistemas y Tecnologías de la Información (RISTI), asinado por Alfonso A. López Rodríguez (profesor do Departamento Ciencia Política e Socioloxía da Universidade de Santiago), Ángel Cazorla Martín (profesor do Departamento de Ciencia Política y de la Administración da Universidad de Granada) e Paloma Castro Martínez (investigadora na Facultade de Ciencias Políticas da USC).

Neste traballo, os autores analizan a criminalización do hacktivismo, que entenden como un “mecanismo de participación política non convencional ou como a expresión dun movemento social no ciberespazo”, de “natureza non delictiva” e, polo tanto, “distinto da ciberdelincuencia ou do ciberterrorismo”, cos que se tentou relacionar “por razóns interesadas” e “en virtude a determinadas posicións ideolóxicas”, explican.

“O hacktivismo”, conclúen, “é unha realidade que veu para quedar e parece que para expandirse na sociedade global postcovid-19”.

Para afondar máis en todo isto, o profesor Alfonso López prestouse a esta conversa.

Cal é a motivación e xustificación que lles levou a facer esta análise sobre o hacktivismo?

Por unha banda, queriamos enviar a un relatorio a un congreso sobre tecnoloxías da comunicación e as súas repercusións no ámbito da política. Por outro, como profesor no Grao de Criminoloxía estaba a preparar unha presentación sobre os novos tipos de delitos que se producen no ciberespazo, distinguindo entre a figura do ciberdelincuente fronte á do hacktivista. Pareceunos unha boa idea presentar un artigo que expandise e contextualizase esa idea, en especial pola tendencia a confundilas, de maneira interesada, dentro dalgúns discursos políticos.

"O xurdimento do hacktivismo parécenos algo tan inevitable como necesario"

Se tivese que dar unha definición do hacktivismo, como o describiría?

Como unha actividade política lexítima nas sociedades do século XXI que se exerce fundamentalmente por medios dixitais, ou non convencionais. Usualmente céntrase nun conxunto de prácticas e valores propios, que ademais se asocia coa manifestación do disentimento lexítimo. Quizá esta sexa a forma máis breve de poder expresalo. Outra sería que, en parte, é a translación ao ámbito dixital do activismo social propio de séculos anteriores, pero esta é un pouco máis pobre en canto á súa profundidade.

Defenden no seu traballo que o hacktivismo presenta unha natureza bifronte e anfibolóxica. A que se refiren?

A que o hacktivismo é un fenómeno social e político complexo. Por unha banda, é un feito social nos termos clásicos de que, aínda dentro da rede, produce interaccións sociais propias. Neste aspecto maniféstase nunha cultura e prácticas da cultura hacker e que se aquilata en conceptos como a nética [ética da rede]. Por outro, é un fenómeno político, porque se manifestan relacións de poder, que adoptan formas distintivas dentro da rede no mundo dixital. Ademais, apreciamos que existe unha continuidade entre as actividades en liña e offline (aquelas propias do activismo no mundo físico).

Por tanto, o hacktivismo pode ser, por unha banda, unha cultura ou contracultura propia da rede (que alude a un colectivo autorrecoñecido como hacker). Tamén a persoas que utilizan as ferramentas dixitais propias do hacking para realizar accións propias do activismo na rede. É un concepto polisémico e moi rico na súa interpretación, tanto, que podemos falar dunha cultura ou contracultura propia, un conxunto de prácticas do activista que actúa na rede ou como alusión a un movemento social en si mesmo.

Que puntos de encontro e diferenzas observan entre o hacktivismo e o activismo clásico?

O principal punto de encontro está no ámbito “télico” ou da vontade. Ambas as modalidades teñen unha finalidade de protesta, de sinalar aquilo que se considera disfuncional nas nosas sociedades, de manifestar o disenso dunha maneira lexítima. Outro punto de encontro relevante: parécenos que o primeiro é extensión (case natural) do segundo.

As novas sociedades da información que nacen a finais do século pasado teñen no mundo dixital, a través de internet, unha extensión virtual de si mesmas. O xurdimento do hacktivismo parécenos algo tan inevitable como necesario.

En canto á maior diferenza, apreciámola na lexitimidade social. O activismo clásico adoita ter un maior recoñecemento e lexitimidade social en todos os rangos de idade. Con todo, o hacktivismo é visto con máis desconfianza e escepticismo polos grupos de maior idade. Outra gran diferenza vén da difusión e o impacto. Hai trinta anos, as accións de activistas no “modo offline” poderían ter unha difusión moi limitada e un impacto puramente local. Iso supón un prexuízo en termos de xestar alianzas e estratexias con outros movementos, podendo caer en dinámicas de illamento e parálise. O hacktivismo ten o potencial de superar esa situación de illamento polo seu propio ámbito de acción, a rede non ten fronteiras e unhas barreiras case nulas de difusión da información.

En certo xeito, podemos dicir que o “novo activismo” ou hacktivismo teno máis doado para superar o “dilema da acción colectiva” de Mancur Olson.

Con todo, esa maior facilidade para a mobilización conxúgase coa materia pendente: xerar impactos máis duradeiros e tanxibles. Aí o seu medio, o virtual, é a súa principal debilidade.

"O hacktivismo non só supón un risco para a seguridade das grandes organizacións, ademais é unha mostra da súa debilidade, por iso criminalizan estes movementos sociais"

Falan dos hacktivistas como “gladiadores dixitais”. Que queren dicir con isto?

Na ciencia política, o gladiador, dentro das análises de participación política, sería a persoa particularmente vinculada e comprometida cun movemento de maneira que desempeña un conxunto de accións e actividades de maneira moi intensa. Poderiamos dicir que “se bate o cobre”/“pártese a cara” polos obxectivos do movemento no que milita. Desde pegadas de carteis, organizar xornadas informativas, participar en debates, realiza protestas, sentadas… o gladiador dixital realiza unha acción similar dentro do contexto da rede. Tanto aquelas que son mais convencionais, como as menos convencionais, moi relacionadas no campo do hacktivismo coa información. Como é o caso de WikiLeaks, entre outros.

Por que se criminalizou o hacktivismo?

Por unha banda, desde unha perspectiva estrutural, as grandes burocracias organizadas (Estados, conglomerados financeiros e empresariais, os “Big Bussines”) entraron na era dixital con debilidades e carencias. A actividade dos ciberdelincuentes demostrouno, como no caso dos recentes ataques de ransomware. En certa maneira, dentro do ámbito sociopolítico, o hacktivista ten un papel similar, a súa mesma actividade non só supón un risco para a seguridade desas grandes organizacións, senón que ademais é unha mostra da súa debilidade.

No mundo dixital hai certa igualación das capacidades de todos os actores; iso incrementa a forza dos pequenos e debilita a dos grandes. Por iso, as grandes organizacións criminalizan estes movementos sociais, por ser unha evidencia das súas fraxilidades. É como na fábula do rei que vai espido. Ademais, prodúcese unha evolución análoga aos movementos sociais no nacemento do Estado contemporáneo e a extensión das relacións de produción capitalista. Na Francia de 1791 promulgouse a Lei Le Chapelier, a cal protexía a liberdade de empresa e a súa actividade e prohibía a asociación dos traballadores. Estableceuse como mecanismo para proscribir os movementos sociais e evitar a extensión e articulación do movemento obreiro.

Por outro lado, desde unha perspectiva máis centrada nos procesos e accións políticas, o hacktivismo é unha cabeza de turco ideal. Gran parte dos electores, en especial os de maior idade –que, por certo, son os que máis participan electoralmente–, sente hostilidade cara a ese tipo de movementos e prácticas, quizais polas súas escasas competencias dixitais. Deste xeito, o Estado e o “Big Bussines” preséntanse como paladíns da seguridade e a estabilidade, forxando un discurso onde se asocia o ciberdelincuente co hacker, e este co hacktivista de maneira interesada. Deste xeito fáiselles culpables dun sen numero de sucesos. Por exemplo, as eleccións de Estados Unidos de 2016 e a trama dos “hackers rusos”.

"En termos electorais, a criminalización dos hacktivistas é moi produtiva, en especial con electorados envellecidos como os das sociedades occidentais, nos que os discursos do medo sempre renden ben electoralmente"

Nesta criminalización, que papel xogou a política?

A política dos intereses establecidos tende a criminalizar o hacktivista porque é rendible electoralmente. Fronte a iso, forzas políticas emerxentes adoitan asociarse con ese tipo de prácticas e movementos na rede. Cabe sinalar que é algo transversal. Podemos, en España, tivo moita difusión e actividade nas redes; simultaneamente, iso mesmo ocorre coa Alt- Right nos Estados Unidos.

Proba da criminalización da cultura hacker e do hacktivismo desde a política foi o discurso que o por entón presidente estadounidense Bill Clinton leu o 22 de xaneiro de 1999 na Academia Nacional de Ciencias en Washington DC, titulado ‘Keeping America Secure for the 21st Century’. Nel, Clinton identificou os hackers como unha nova ameaza ciberterrorista para a seguridade nacional equiparable á do terrorismo, en xeral, e á do bioterrorismo, en particular. Non é isto sensacionalismo para condicionar e manipular a opinión do público?

Por suposto. Existe xa desde finais do século XX está tendencia a asociar o hacker, o hacktivista e o ciberterrorista coa mesma figura. En termos electorais é moi produtivo, en especial con electorados envellecidos como os das sociedades occidentais. Neste tipo de colectivos, os discursos do medo sempre renden ben electoralmente. Cabe sinalar o paradoxo de que, uns dous anos máis tarde, o país sufriu o peor atentado da súa historia, que non tivo relación con ese tipo de ameazas que tanto preocupaban a Clinton.

En relación co anterior, o hacktivismo irrompeu na década de 1990 e estivo estreitamente ligado a movementos civís en defensa dos dereitos humanos e contra abusos de poder, ou ao movemento altermundista (ou antiglobalización). Pero hai autores que observaron un decaemento das actividades hacktivistas na primeira década do século XXI, precisamente tras os atentados terroristas do 11- S en 2001, cando se inaugurou unha nova era de vixilancia e control masivos co pretexto da seguridade nacional e pública. Triunfou o discurso político da ameaza e do medo?

Sen ningunha dúbida, a implementación da Patriot Act e de programas como ‘Carnivore’ foron o inicio dunha carreira para incrementar a vixilancia e o control nas redes en todo o mundo, coa consecuente represión e criminalización de actividades dentro do ámbito dixital. Esas prácticas foron a explicación, en gran parte, da caída xeral da calidade das democracias ao longo do século  XXI. O discurso do medo e da ameaza foi moi produtivo electoralmente. Agora, dentro da crise sanitaria da covid-19 poderiamos ver un reforzo desas tendencias. En especial, se a crise pasa a ser unha depresión económica, deteriorando aínda máis as expectativas sociais e con iso as tensións á manifestación do disentimento non convencional.

 "A persecución a Julian Assange é claramente un «aviso a navegantes», como os casos de Snowden ou Manning; establécese unha limitación clara das liberdades de información e expresión por esta vía"

Na última década vimos un rexurdir do hacktivismo con accións de apoio a disidentes en distintos puntos do planeta, en conflitos como a Primavera Árabe ou a guerra en Siria, ou a aparición de Anonymous e  WikiLeaks, por exemplo. Que condicións se deron para este rexurdir do hacktivismo?

Por unha banda, un empeoramento das condicións globais de vida en moitas sociedades. Aínda que os controis están aí, a degradación da calidade de vida e a falta de expectativas son unha presión constante cara á expresión do disentimento e a denuncia dos abusos. Isto prodúcese dentro de sociedades que, en moitos casos, viron frustradas as súas esperanzas de desenvolvemento económico e melloras do nivel de vida. Iso foi particularmente certo nalgúns casos que conformaron a Primavera Árabe. De feito, eses movementos, en gran parte, foron posibles pola difusión que se pode obter pola rede, que tamén funcionou como mecanismo ubicuo de organización.

Por outro lado, no caso de  Anonymous e WikiLeaks, é a propia capacidade dos equipos e da rede o que permitiu o seu xurdimento. Xúntase o incremento da capacidade de tráfico na rede cunha maior pericia no uso dos equipos, ademais do compromiso necesario para levalo a cabo. Todo iso, dentro dun contexto de degradación das expectativas tanto individuais como colectivas que funciona como incentivo para superar a inhibición dos potenciais castigos e como acicate para eludir os controis.

Falando de Anonymous e WikiLeaks, talvez sexan os exemplos máis paradigmáticos do novo hacktivismo. Cales cre que son as razóns que explican a súa irrupción?

Continuando co anterior, realmente nacen da realidade da propia rede e do espazo dixital. A rede diminúe os custos dunha acción colectiva, ademais de que permite a difusión inmediata da información e permite unha visibilidade e circulación inédita outrora. Na década de 1990 eran poucos os fogares con conexión a internet. O cambio tecnolóxico foi en aumento, agora son cada vez máis comúns as conexións de capacidade crecente, acompañado dun incremento da capacidade de uso dos equipos informáticos. Pero quizais o fundamental é a presenza de persoas cun compromiso coa liberdade de información e a denuncia de abusos desas “grandes organizacións” que sinalamos anteriormente.

Membros de Anonymous e o fundador de WikiLeaks, Julian Assange, foron sometidos a unha persecución policial e xudicial polas súas accións. Algúns acabaron no cárcere, mentres Assange foi arrestado en Londres e afronta un proceso de extradición a Estados Unidos. Están xustificados eses arrestos, ou son un ataque á liberdade de información e de expresión, como defenden os hacktivistas?

O caso de Assange é paradigmático. Todo o proceso resulta difuso e confuso. Lendo entre liñas, é claramente un “aviso a navegantes”, como os casos de Edward Snowden ou Chelsea Manning. Establécese unha limitación clara das liberdades de información e expresión por esta vía. En certa maneira, é unha analoxía con outras prácticas molestas para determinados intereses, como os sindicalistas e ecoloxistas en Colombia, co tráxico desenlace que todos coñecemos.

"Os hacktivistas están a realizar o labor que se supón que os medios tradicionais deberían cumprir"

Que papel xogan os medios de masas na criminalización do hacktivismo?

O papel dos mass media tradicionais é realmente curioso e ata paradoxal. Os medios tradicionais, analizados no seu contexto e situación actual, están en problemas. Un caso paradigmático é o dos xornais en papel. Pensemos niso, os medios desta natureza ven minguar ano tras ano os seus consumidores potenciais, isto afecta a súa tirada e, polo tanto, a publicidade, de modo que a súa subsistencia cífrase en manter a publicidade de tipo institucional. A isto súmanse os intereses políticos, porque os consumidores dese tipo de medios son un caladoiro electoral moi apreciado. Desta maneira, os medios tradicionais adoptarán e difundirán o discurso que beneficie en maior medida os seus anunciantes. É unha estratexia de supervivencia que corroe a mesma idea dun xornalismo independente, axudando a ser unha caixa de resonancia dos discursos  criminalizadores do  hacktivismo.

Por outro lado, os medios tradicionais, en virtude do anterior, ven como se erosiona a súa cota de mercado, xa non só fronte a medios alternativos (por exemplo, os diarios dixitais), senón que as practicas propias do hacktivismo están a realizar o labor que se supón que eles mesmos deberían cumprir. É un feito que o xornalismo de investigación actualmente lle debe moito máis a WikiLeaks ou a accións de Anonymous que á acción dos medios tradicionais. De aquí nace outra fonte do apoio ao discurso criminalizador dos medios tradicionais. 

Na miña opinión, a criminalización do hacker e do hacktivista nos medios tamén ten que ver coa incultura ou ignorancia dos xornalistas, en xeral, que descoñecen a xénese e a historia da cultura hacker e os seus logros. Por que non se dá a coñecer isto á sociedade? Como pode ser que en lugar de estarlles agradecidos sigamos criminalizando a quen nos proporcione ferramentas para o progreso?

Como apuntei anteriormente, existen uns intereses dos financiadores (anunciantes) e unha presión pola propia actividade hacktivista. A mesma lóxica do discurso do medo que se busca coa  criminalización, bloquea de maneira sistemática a posibilidade de difundir unha visión positiva e máis realista do universo hacker. Como diría o  criminólogo David Garland, para ese conglomerado de actores, resúltalles vantaxoso e necesario manter o hacker como un “outro perigoso”. Unha figura  inadaptada, un  outsider do que se debe desconfiar e do que se debe temer que desenvolva libremente a súa actividade. Hai un interese en vincular que as actividades dentro “do hacker” se traducen necesariamente en dano social.

Se un revisa os medios de comunicación propios da comunidade hacker e hacktivista, obsérvase que durante décadas tentaron diferenciarse dos que esta mesma comunidade definiu como crackers, individuos con habilidades tecnolóxicas cuxo único fin é causar dano e/ou o ánimo de lucro mediante actos deliberadamente delituosos. Incluso unha institución como a Fundeu marcou a diferenza entre hackers e crackers: “Os termos  hacker e cracker teñen significados diferentes, xa que, mentres que o primeiro alude á persoa capaz de introducirse en sistemas informáticos alleos, o segundo refírese a quen o fai con fins ilícitos”. Con todo, desde a política e desde o xornalismo insístese en identificar a hackers e hacktivistas como autores de calquera delito informático. Fracasaron no seu intento de diferenciarse dos verdadeiros criminais informáticos? Por que?

Podemos afirmar que o fracaso é parcial. Coas xeracións máis novas, a figura do hacker e as prácticas hacktivistas están crecentemente normalizadas, polo tanto, lexitimadas. Iso é unha excelente noticia. Pola contra, coas persoas de mediana idade e, en especial, de idade avanzada, isto non se produce. Son, ademais, grandes caladoiros de voto, mesmo en expansión, a causa do envellecemento das sociedades actuais. Aos intereses de grandes corporacións e partidos políticos establecidos esta criminalización interesada do descoñecido lles é moi produtiva. Sinalar que un colectivo de hacktivistas que realiza unha acción (como un e-grafiti ou un ataque DDoS) son un grupo de delincuentes, é unha forma de trivializar esas accións e ocultar o verdadeiro fin da mesma, por exemplo, a protesta por unha lei inxusta ou a denuncia dun caso de corrupción.

Os círculos hackers e os seus medios téñeno difícil para abrirse a eses públicos de idade avanzada, pero iso non é algo do que se lles poida responsabilizar.

"Dentro do discurso político, a criminalización do hacktivismo é unha forma máis de criminalizar a cultura xuvenil de maneira efectiva"

Na súa análise sinalan a tradicional identificación do hacker e hacktivista como mozos outsiders e censuran unha estratexia de criminalización da cultura xuvenil. Que factores ou motivos hai para isto?

Na actualidade, os hackers e os hacktivistas non son uns mozos inadaptados, aínda que se mantén así no imaxinario colectivo. Un exemplo é a recente articulación dunha estratexia de investimento contra a especulación baixista en Reddit. Esas persoas non eran unicamente mozos cun computador, conexión de banda ancha e moito tempo libre. Había persoas de mediana idade que son profesionais no ámbito do investimento financeiro.

Dentro do discurso político, a criminalización do hacktivismo é unha forma máis de criminalizar a cultura xuvenil de maneira efectiva. Isto ten xa unha longa tradición, como sinalou Stanley Cohen alá por 1972, cun modus operandi coñecido. Desde o ámbito político e institucional, con apoio dos medios tradicionais, acúsase e táchanse de perigosas accións ou sucesos protagonizados por mozos, que serve á súa vez para criminalizar toda a mocidade e os movementos sociais protagonizados por eles. Neste caso, o papel dos medios é aproveitar o sensacionalismo para aumentar ingresos, que no mundo dixital se traduce en prácticas como os titulares clickbait. En liñas xerais, a creación destes pánicos sociais sáelles rendible a todos os que participan en xeralos. Os medios incrementan beneficios e as autoridades preséntanse como garantes da orde e a estabilidade.

Unha idea xeralizada é identificar os hacktivistas como anarquistas. Estades de acordo con esta visión?

Parte do movemento hacker “histórico” coincide con valores anarquistas, tanto do  anarquismo comunitario ou anarcocomunismo, como do anarcocapitalismo (en particular, no ámbito anglosaxón). Certamente, o universo hacker é moi diverso. O que é certo, se nos cinguimos aos hacktivsitas como aqueles máis mobilizados politicamente, é que manteñen unha mensaxe libertaria, en especial en materias relacionadas coa liberdade de información, difusión e neutralidade na rede. É algo patente, por exemplo, dentro dos “partidos piratas” que se fundaron inspirándose no nomea da web de ligazóns P2P ‘The Pirate Bay’. Con todo, se pensamos no hacktivista como unha activista que realiza a súa actividade preferentemente en liña, o seu perfil é actualmente moi transversal.

No traballo falan dunha “criminalización desde o prisma do populismo punitivo”. A que se refiren?

O populismo punitivo sería unha tendencia política que instrumentaliza o código penal en función dun discurso que usualmente é de manter a lei e a orde. Criminalízanse accións que ás veces non deixan de ser comportamentos molestos, pero non delituosos en termos de dano social. É unha forma de buscar o voto dos insiders ou cidadáns integrados, criminalizando comportamentos ou expresións de grupos marxinados ou excluídos, os outsiders. Cabe destacar, que este tipo de populismo punitivo, en orixe, era asociado con discursos de dereitas. O exemplo paradigmático é o da “política de tolerancia cero” que propuxo Rudolph Giuliani na súa etapa como alcalde de Nova York. En España céntrase en ideas como o “código penal da seguridade” ou incitativas como a lei mordaza, en especial, nos seus primeiros borradores. Este populismo tamén se foi filtrando a discursos de esquerda que tamén pretenden criminalizar comportamentos como mecanismo para captar votos. No caso do  hacktivismo, este foi un fetiche idóneo dos discursos de populismo punitivo de carácter conservador.

"O hacktivismo está a cumprir cunha función de información e crítica que os medios tradicionais postergaron"

Podemos afirmar que mentres os hackers informáticos buscaron tradicionalmente expoñer fallas de seguridade en sistemas informáticos, os hacktivistas expoñen fallas de sistemas políticos?

En verdade é unha boa analoxía. Actualmente funcionan de maneira similar. Quizais o hacktivismo agora mesmo está enchendo un espazo que deixaron abandonado os medios de comunicación tradicionais. Non podemos esquecer que na xénese dos sistemas representativos actuais, o xornalismo era denominado “o cuarto poder”. Na miña opinión, o hacktivismo está a configurarse como unha forma de traducir a actividade dos movementos sociais e a participación non convencional no mundo virtual. Pero, en especial, está a cumprir cunha función de información e crítica que os medios tradicionais postergaron.

Falemos de valores e dereitos que defenden os hacktivistas. Por unha banda, a liberdade de información e de expresión, e a defensa dos dereitos humanos. Sóubose transmitir isto á sociedade?

Como dixen antes, creo que depende do público que esteamos a valorar. As persoas mozas ou non tan novas asumiron esa mensaxe e esa defensa. Pero as persoas de  medina idade e de idade avanzada non son tan receptivas. Dentro da cultura popular atopámonos con manifestacións contraditorias.

Doutra banda, está a dicotomía privacidade vs secreto, na que os hacktivistas tentan protexer o dereito á intimidade individual fronte á vixilancia e control masivos, á vez que defenden o dereito para coñecer segredos de Estado e corporativos que sexan de interese público. Como ve esta loita?

É unha loita necesaria, en especial porque é un elemento esencial para a mellora e mesmo para o funcionamento adecuado das nosas sociedades. Henry Dickinson, un dos principais propoñentes do socialismo democrático, falaba de que as empresas, como as institucións, deberían actuar coma se operasen dentro de muros de cristal. Isto é, coa maior transparencia e liberdade de información posible. Na sociedade actual, na que afrontamos os grandes cambios que implican a cuarta revolución industrial, resulta necesaria a protección da intimidade e a limitación da vixilancia. Non só no ámbito dos dereitos como cidadán, se non como traballador. Non hai moito, a Organización Internacional do Traballo manifestouse en defensa do “dereito á desconexión”. En Francia xa se lexislou sobre iso. As empresas, grazas á dixitalización, a  intelixencia artificial e outros procedementos, goza dunhas capacidades de control e supervisión moito máis grandes e intrusivos.

Nun mundo máis interconectado, máis dixitalizado e onde a cuarta revolución industrial nos vai introducir na internet das cousas, entre outros cambios, os dereitos fanse moito máis fráxiles ante as capacidades da empresa privada. Non é só a supervisión do Estado o único factor a controlar. De feito, o acceso a datos persoais, biométricos, de consumo, etc. regulouse. Existen normativas sobre os datos de carácter persoal e as súas limitacións, pero debemos permanecer alerta para evitar os abusos. O hacktivista, na súa faceta máis puramente hacker, ten as capacidades para demostrar ata que punto isto funciona realmente, ou ata que punto estas normativas son eficaces e están a funcionar.

"Os nosos sistemas políticos non son democracias, senón, no mellor dos casos, sistemas representativos, aínda así, bastante imperfectos"

Relacionado coa privacidade, moitos hacktivistas ampáranse no anonimato para protexerse a eles e tamén algunhas fontes –algo que tamén facemos os xornalistas en ocasións–. Con todo, isto parece ter un efecto paradoxal: gobernos, empresas e medios utilizan o seu anonimato como argumento de criminalización do  hacktivismo. Como interpreta isto?

Pode verse como unha sorte de cinismo. En ambos os casos é privacidade, claro, pero o contexto no que se invoca é profundamente distinto. Por exemplo, no escenario da covid-19 vimos como, nunha emerxencia sanitaria sen precedentes no último século, foron defendidos con paixón os dereitos de patentes das entidades privadas. Desde medios tradicionais censurouse con ferocidade ata as máis mornas iniciativas de poñelas en suspenso, aínda de maneira transitoria, a teor do peso dos feitos.

Ademais, o segredo, case hermetismo da Unión Europea nos seus contratos, foi destapado coa edición dun arquivo PDF. Este feito mostra unha situación de hacktivismo. Hai vinte anos sería imposible coñecer o contido deliberadamente ocultado. Con todo, a persoa que editou e compartiu o nas redes facilitou un exercicio de transparencia que sería imposible. Un incremento, por certo, da transparencia institucional que fomenta a UE para cos estados membros. Con todo, a propia autoridade comunitaria o que pretendía era manter o segredo. Este cinismo, por tanto, é moito máis amplo e máis profundo do que podería parecer. Non resulta igual aludir ao anonimato para protexer unha fonte anómima dun potencial castigo que manter un segredo para manter un modelo de negocio ou a protección duns intereses corporativos.

Volvendo á orixe do seu traballo, comentan que a súa intención é “demostrar que o activismo dixital é un elemento distinto da ciberdelincuencia ou do ciberterrorismo”. Que se necesita para conseguir convencer a cidadáns e medios?

En primeiro lugar, máis iniciativas como esta entrevista. Difundir os datos de investigacións que se desenvolven en ámbitos de investigación das universidades públicas. Ademais, é necesario asumir que a sociedade dixital chegou para quedar. Como sinalei antes, a cuarta revolución industrial é un feito, está a cambiar as formas de traballar, producir e consumir, pero tamén ten o seu efecto no ámbito social e político. É aquí onde o papel dos hacktivistas é esencial. A partir destas realidades, o hacktivismo é algo tan inevitable como necesario dentro das nosas sociedades.

"O hacktivismo é imprescindible para aspirar ao ideal democrático nas sociedades crecentemente dixitalizadas e interconectadas"

Tamén comentan que “parece que no mundo post-covid19, onde se insiste no mantemento da distancia social, a non exposición a multitudes e unha maior permanencia no domicilio, esta forma de acción política resulta idónea como mecanismo de manifestación de disentimentos”. Cre que o hacktivismo se revitalizará?

Permíteme unha resposta longa, porque creo que é necesaria. Dentro da ciencia política, distínguese entre o concepto da democracia fronte a poliarquía ou réxime representativo. Isto remóntase á polémica entre Robert Dahl e Wrigth Mills. Dentro dese debate, sempre me decantei polo dito por Mills: os nosos sistemas políticos non son democracias, senón, no mellor dos casos, sistemas representativos, aínda así, bastante imperfectos. De todos os xeitos, non debemos rendernos, a democracia, como ideal, debe seguir sendo un horizonte cara ao que dirixirse. En termos convencionais terminamos por chamar democracias aos nosos réximes políticos. Realmente, é lóxico, soa bastante mellor que réxime representativo.

Un dos elementos que nos achegan a ese ideal da democracia é a existencia de canles e mecanismos que permitan manifestar o disentimento, tanto de maneira convencional ou non convencional, como en liña ou offline. A lexitimidade da manifestación do descontento, do disentimento; a denuncia daquilo que non funciona dos abusos do poder. O exercicio da crítica cidadá, a denuncia das inxustizas, constitúe un piar inescusable de calquera sociedade que se pretenda democrática.

No contexto actual, temos moitos macroprocesos sociais que nos van deixar cambios estruturais. A pandemia foi un cisne negro cuxas repercusións van ser duradeiras, entre elas, a esixencia de menor contacto social, e iso implica que moitas ferramentas do activismo tradicional non son agora  practicables. Deste xeito, as ferramentas e as accións do hacktivismo son máis funcionais.

Doutra banda, a sociedade dixital recibiu un impulso extraordinario coa propia pandemia, reafirmando os cambios que xa se viñan producindo os últimos vinte anos. Esta sociedade dixitalizada brinda un espazo amplificado, de maior difusión, ás prácticas do activismo no mundo dixital.

Ademais, a cuarta revolución industrial supón unha profundización da sociedade dixital no ámbito da produción, distribución, consumo e no mundo laboral. Abre riscos e oportunidades no mundo dixital que ten repercusións moi claras no mundo material.

Todo isto permítenos pensar que o hacktivismo é un elemento imprescindible para aspirar ao ideal democrático dentro de sociedades crecentemente dixitalizadas e interconectadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta