Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2021 | Actualizada ás 17:00
Científicos da USC no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) demostran, nunha publicación da revista Angewandte Chemie, a formación de novas estruturas supramoleculares en disolucións acuosas, o que abre a porta a un novo tipo de líquidos con novas propiedades fisicoquímicas.
Os investigadores descubriron unha nova forma de reordenar as moléculas de auga que xera un novo tipo de fluído. "Demostramos que utilizando moléculas orgánicas cunha disposición particular das súas cadeas hidrocarbonadas podemos inducir unha estruturación das moléculas de auga diferente ás que coñecemos" sinala Francisco Rivadulla, coautor do traballo.
Xunto ao grupo de María Giménez-López, FunNanoMat LAB, os investigadores comprobaron que a velocidade de transferencia de enerxía en forma de calor ou a velocidade de transmisión de son nesta nova substancia é moito menor que na auga pura. Tamén a súa compresibilidade ou a capacidade calorífica mostran un comportamento singular, o que aumenta o seu interese en numerosas aplicacións tecnolóxicas.
COLABORACIÓN
O traballo froito da colaboración entre diferentes grupos de investigación do centro foi clave neste descubrimento. Por unha banda, o grupo de Giménez-López estaba a estudar este fluído molecular cando déronse de conta da ausencia dos puntos de fusión e conxelación que normalmente se atopan na auga mediante medicións calorimétricas. "Empregando resonancia magnética nuclear puidemos observar difusións anormalmente lentas dos catións disolvidos", explica Giménez-López.
Pola súa parte, o laboratorio de Química de Materia Condensada liderado polo coautor do traballo, Francisco Rivadulla, atopábase investigando a posibilidade de utilizar a condutividade térmica para determinar cambios na estrutura dos líquidos e outras fases condensadas non cristalinas.
A complementariedade e experiencia de ambos os dous grupos na materia abriu deste xeito unha posibilidade única para entender e evidenciar de forma conxunta as pouco usuais propiedades deste novo fluído.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.