Siemens Gamesa quere executar "xa" o despedimento dos operarios das Somozas

Os responsables de Siemens Gamesa, dixo o representante de CCOO, participaron a distancia nunha reunión para buscar solucións ao peche, a pesar de "estar a dez minutos en taxi".

Por E.P. | Ferrol | 18/02/2021 | Actualizada ás 17:52

Comparte esta noticia

A empresa Siemens Gamesa rexeitou aumentar o período de consultas da mesa negociación constituída cos comités de empresa da planta das Somozas e Cuenca, ademais de cos sindicatos UGT e CCOO, ao estimar que "está todo falado" e por tanto o seu obxectivo "é executar xa o despedimento dos 266 traballadores afectados polo ERE extintivo presentado", dos que 215 son operarios da planta de Ferrolterra e os 51 restantes da manchega.

Así o trasladou o secretario xeral da Federación de Industria de CCOO en Galicia, Víctor Ledo, que participou desde as 12,00 horas deste xoves, 18 de febreiro, nunha reunión celebrada en Madrid, tanto presencial como telemática, na sede da Dirección Xeral de Traballo, e na que se deron cita representantes do Ministerio de Traballo, dos sindicatos e un avogado da empresa de maneira presencial. Os responsables de Siemens Gamesa, dixo o representante, participaron a distancia, a pesar de "estar a dez minutos en taxi de onde se celebrará esta tarde a mesa de negociación".

TRABALLO RECOMENDA AMPLIAR O PERÍODO DE CONSULTAS

Por outra banda, a directora xeral de Traballo, a galega Verónica Martínez, recomendou expresamente a ampliación do período de consultas "para evitar e reducir despedimentos como mandata o artigo 8 do Real Decreto 1483/2012, de 29 de outubro, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de despedimento colectivo e de suspensión de contratos e redución de xornada", advertindo que ve "graves deficiencias de fondo e de forma".

Ante esta actitude, Ledo instou tanto ao Ministerio de Industria como á Xunta, "que son os que teñen competencias, a tomar cartas no asunto de maneira urxente e aplicar medidas industriais, contra a decisión que vai tomar hoxe Siemens Gamesa de despedir a 266 traballadores".

O responsable de CCOO detallou que ás 17,00 horas deste xoves teñen previsto retomar a mesa de negociación, nun hotel de Madrid, aínda que adianta poucas expectativas na actitude de Siemens Gamesa, que mantén "a negativa a buscar unha solución, e coa última reforma laboral, vaille a saír gratuíta".

Por iso, demandou que, "se ao final acomete ese peche, tal e como quere, que se teña en conta por parte das administracións para todo o que ten que ver cos intereses de Siemens Gamesa en Galicia e en conxunto do Estado", en alusión á convocatoria de concursos para a instalación de novos parques eólicos.

Ante este escenario, Ledo reclamou que é necesario "derrogar a última reforma laboral, xa que a actual normativa permite ás empresas actuar desta maneira tan prepotente", tomando "unha decisión de maneira unilateral sen ningún tipo de consecuencia".

En paralelo, nas Somozas, os traballadores manifestáronse na mañá deste xoves pola localidade, nunha marcha que partiu ás 12,00 horas desde o polígono industrial e finalizou ante o Concello. Os operarios queimaron varios bonecos vestidos con roupa de faena de Siemens Gamesa para rexeitar a actitude da dirección da multinacional.

Protesta de traballadores de Siemens Gamesa
Protesta de traballadores de Siemens Gamesa

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta